A XVI Festa do Polbo da Pedra terá lugar en Xove o 13 de abril a partir das sete da tarde. Oito establecementos hostaleiros servirán racións deste exquisito cefalópodo ao prezo de 9 euros.
O evento gastronómico está organizado pola Aciam xovense, que conta co patrocinio do Concello e a colaboración da A.C. Saíñas.
Desde a organización sinalan que “somos un grupo de hostaleiros de Xove que queremos contribuír a promocionar o noso pobo, para o que pensamos en organizar unha festa gastronómica, xa que esa é a área na que mellor nos desenvolvemos. O mesmo que outros lugares da comarca, cremos que temos produtos que son merecentes de ser promocionados, coincidimos todos en que o polbo da pedra, denominación coa que coñecemos o polbo que se captura na nosa costa, é un produto de altísima calidade, tal como nos amosan os numerosos viaxeiros e turistas que pasan polos nosos establecementos. Sabemos que noutros lugares de Galicia se celebran festas do polbo, pero esta queremos que naza cun xeito diferenciador, e ese xeito está en que o polbo que se traballa na costa de Lugo (especialmente no que atinxe aos nosos portos de Morás e Portocelo) é un polbo distinto do que se acostuma a tomar noutros lugares e feiras de Galicia; o noso é un polbo cunha cor máis escura, os raxos son máis longos e a cabeza máis pequena, e cremos tamén, aínda que esta é unha opinión particular, que se trata dun polbo de máis calidade que ese outro que se colle sobre todo nas grandes rías”.
E engaden que “xa imos pola XVI edición, o que quere dicir que esta festa consolídase ano a ano, o que nos enche de orgullo. Para esta edición, que vai comezar ás 19:00 horas, ou sexa, que a partires desa hora da tarde xa se vai comezar a repartir polbo, a organización dispón duns 1.500 quilogramos que vai ser preparado polos diferentes locais en multitude de variedades. Dicir, neste sentido, que cada ano os distintos hostaleiros elaboramos diferentes e novas receitas cada edición, co fin de sorprender aos visitantes, sen deixar tamén de cociñar o polbo nas súas formas máis tradicionais”.
A organización deste evento corre a cargo de Aciam Xove, que conta co importante patrocinio e colaboración do Concello xovense. Tamén, durante a Festa, os asistentes gozarán da música tradicional de Saíñas, e Xove, quenes coas súas gaitas e tambores van animar a xornada.
Son oito locais os que participan nesta cita gastronómica: cafetería A Roda, pizzería A Fuga, O Refugio, Club Palmeiro, Pulpería Bar Cociña, cafetería Centro Cívico, O Cabaliño e pizzería Onde Sempre.
A organización anima e invita a participar nesta Festa “a toda a xente de Xove, da Mariña e doutros lugares que queiran, nesta data, disfrutar dunha importante e agradable xornada gastronómica”.