O Concello de Viveiro presentou o cartel das festas patronais, ademais de adiantar algunhas das principais actuacións previstas nos días centrais do mes de agosto.
“Teremos de novo unha programación variada e para todas as idades e gustos, as festas patronais serán de novo un moi bo momento para desfrutar de Viveiro na compañía dos nosos familiares e amigos”, asegurou na presentación a alcaldesa, María Loureiro.
O cartel das festas patronais deste ano é dun artista local e emerxente, Uxmal Díaz, un artista plástico e gráfico que xa recibiu numerosos premios pola súa obra.
“Queremos darlles voz aos artistas locais e que teñan a oportunidade de expresar o que significan para eles as festas patronais, tan importantes para os nosos veciños e veciñas”, explica a concelleira Lara Fernández Fernández-Noriega.
Loureiro e Fernández-Noriega adiantaron algunhas das principais actuacións das festas, que comezarán como de costume na primeira semana de agosto coa Mostra Folclórica Internacional.
Na praza Maior, actuarán o día 14 Xosé Lois Romero e Aliboria, nun concerto que o concello pretende facer inclusivo; o día 15, Amparanoia, e o día 16, Lamatumbá, para pechar a xornada tamén cos tradicionais fogos artificiais.
Nos próximos días presentarase a programación completa, na que tamén terán unha presenza destacada os grupos e artistas locais.