O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou o novo hangar de piraguas do Club Kayak de Foz, que o organismo provincial financiou en solitario con 100.000 euros e que dende comezos de mes xa funciona a pleno rendemento. Fíxoo acompañado polo Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e a Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez. No acto tamén participaron o Presidente do Club Kayak de Foz, Nacho Romillo, e o Presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea García.
Campos Conde lembrou que “fai un ano mostramos o noso firme compromiso para facer posible a construción deste novo hangar de piraguas, nunha clara aposta polo deporte como motor de dinamización social e económico da provincia. E hoxe estamos aquí, de novo, para ratificar este compromiso. Pois o hangar é xa unha realidade, grazas a achega de 100.000 euros do Goberno que financiou en solitario o proxecto”.
O Presidente da Deputación subliñou que “con esta nova instalación, respondemos a unha vella demanda do Club Kayak de Foz, habilitando un novo espazo con capacidade para máis de 100 embarcacións, e poñendo fin as deficiencias coas que contaba o club, que impedían a mellora do seu rendemento competitivo”.
O novo edificio, que se construíu anexo ás antigas instalacións, ten unha superficie de 480 metros, con capacidade para 116 embarcacións de tipoK-1, permitindo o pleno desenvolvemento das labores de formación e promoción do piragüismo na Mariña, e cubrindo a demanda de espazo existente debido ao elevado número de usuarios desta modalidade deportiva.
“Como mariñán, coñezo perfectamente a importancia e dilatada tradición coa que conta o piragüismo nesta zona, ao tratarse dunha disciplina deportiva con moito arraigo e afección.Falar do Club Kayak de Foz é falar de historia viva do piragüismo lucense. A punto de cumprir 35 anos, conta con máis de 70 deportistas integrando as súas filas.Somos conscientes de que a súa labor resulta fundamental para promover un estilo de vida saudable e fomentar entre os máis pequenos valores tan importantes como o compañeirismo ou a superación persoal, valores intrínsecos a este deporte.Por iso consideramos que esta instalación non é un gasto, senón unha inversión de futuro”, destacou Campos Conde.
Voto en contra do PP
O Goberno da Deputación presentou ao Pleno do mes de outubro de 2016 unha proposta para achegar 100.000 euros ao Club Kayak de Foz. Con este orzamento, o Executivo Provincial buscaba financiar a ampliación das instalacións desta entidade, en resposta á petición que lle formulou o club focense.Porén, o Partido Popularvotou en contra da proposta do Goberno Provincialpara poder iniciar a execución do proxecto, que se viu retrasado catro meses, bloqueando o inicio dos traballos ata o mes de febreiro. Con todo, na inauguración de hoxe tamén participou o Deputado Provincial polo PP, José Manuel Yanes Ginzo.
Características
O novo edificio conta con dúas plantas. A zona baixa reservarse para o almacenamento de piraguas e tamén conta cun taller para poder levar a cabo pequenas reparacións, mentres que no segundo pisohabilitouse unha zona de oficinas e deusos múltiples.A necesidade de realizar estas obras vén dada polas graves deficiencias que presentaba a antiga instalación, cun importante deterioro da cuberta,e a escaseza de espazo debido ao crecemento exponencial do club nos últimos anos.
Club Kayak de Foz
O Club Kayak de Foz fundouse no 1983 e actualmente dispón dunhas 70 licenzas federativas. É o organizador da Travesía de Foz, un dos eventos máis importantes que teñen lugar na Mariña no eido deportivo. En efecto, trátase da terceira proba deste tipo máis lonxeva de España e a segunda de Galicia. Dende que se organizou por primeira vez, no ano 1962, veuse disputando de maneira ininterrompida ata a actualidade. A Deputación é a principal patrocinadora deste evento deportivo, pois achega 7.000 euros, mentres que o Concello de Foz aporta 5.000 euros e a Xunta 1.500.
Apoio ao piragüismo
A achega para a construción do novo hangar en Foz, enmárcase na aposta do Goberno da Deputación polo pulo ao piragüismo na provincia luguesa e sumase ás axudas de 200.000 euros que se concederon aos 7 clubs desta práctica deportiva que hai na provincia.Estes son: Club Deportivo San Ciprián, Club Piragüismo Cidade de Lugo, Club Fluvial de Lugo, Club Kayak de Foz, Club Piragüismo Viveiro, Club Piragüismo Altruan e Club Montaña Quixós.
Así mesmo, o Executivo Provincial achegou 85.000 euros a través dun convenio á posta en marcha e revitalización da escola de piragüismo de titularidade provincial de cara á temporada 2017-2018. Deste xeito, son os propios clubs os que directamente xestionan a escola de piragüismo, situada no entorno de Os Robles.
Esta iniciativa responde ás peticións dos 7 clubs, que consideran que é a axeitada para a posta en valor desta disciplina deportiva en Lugo e resulta un paso intermedio para que a Escola garanta a selección de novas promesas nesta disciplina, e deste xeito, acadar os niveis de anos anteriores. Tamén contempla a contratación de máis monitores de adestramento, adquisición de novo material técnico, así como a promoción do piragüismo no conxunto do territorio lugués, con campañas divulgativas que se levarán, por exemplo, aos centros educativos.