A Xunta patrocina o concerto de Walls o sábado 3 de agosto en Burela no marco da programación da 38ª Feira do Bonito. O artista de música urbana procedente de Murcia actuará arredor das doce da noite na explanada portuaria.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, asegurou que o Goberno galego fixo un importante esforzo económico para traer a este músico por petición expresa da asociación Ledicia, organizadora do evento. A feira, que se celebrará os días 3 e 4, conta tamén co apoio da Xunta para cubrir os gastos de organización e difusión, como é habitual.
Arias destacou o traballo de Ledicia e de todas as institucións e entidades colaboradoras por impulsar esta cita declarada Festa de Interese Turístico Nacional, “que constitúe un escaparate perfecto para exaltar a calidade do bonito de Burela e para dinamizar o concello e toda A Mariña”.