As xornadas de divulgación do coñecemento da cultura marítima na comunidade educativa de Viveiro, denominadas Vivemar, desenvolveranse do 13 ao 19 de novembro nos colexios do municipio: Cep Lois Tobío, Ceip Covas, Ceip Celeiro, Ceip Plurilingüe Santa Rita de Galdo, CPR Landro. Están coordinadas por Lucas Requeixo, de Vivemar, e patrocinadas pola Consellería do Mar.
O programa de actividades empezará o luns 13 ás 20:30 horas coa inauguración da exposición “O mar en Xosé Conde Corbal” na Sala Multiusos do Concello de Viveiro. O martes 14 ás 20:30 horas proxectarase o documental "A Construción da Dorna Irmandiña", tamén na Sala Multiusos do Concello de Viveiro, onde o mércores 15 ás 20:30 horas poderá verse o documental "As bateas e o mexillón" e o xoves 16 ás 20:30 horas haberá a charla e proxección “A obra mariñeira de Xosé Conde Corbal”, con Antón Mascato.
O venres 17 na Sala de Exposicións da Biblioteca de Viveiro ás 19:00 horas terá lugar a charla “A conservación da pesca, do pasado ao futuro”, con Carlos Nuevo Cal, que é o cronista oficial de Viveiro. E ás 20:30 horas haberá a charla “As salgadeiras e conserveiras”, a cargo de Xosé María Leal Bóveda.
Para o sábado 18 ás 11:00 horas na Sala Multiusos do Concello de Viveiro desenvolverase o evento “Vivemar: Declaración de intencións. Presentación de proxectos: Escola de navegación, Inventario de Patrimonio. Participación de asociacións e colectivos. Novas iniciativas”, con Lucas Requeixo e Antón Mascato. Ás 12:00 horas presentarase a publicación “Nova Ardentía”, con Emilio Ínsua, Antón Niñe e o Capitán Pino. Ás 12:30 horas haberá unha conversa con Francisco Fra arredor do estaleiro de San Cibrao, con Emilio Ínsua e Antón Mascato. E ás 18:30 horas terá lugar un encontro de colectivos e persoas interesadas na problemática do plástico nos ríos e no mar.
E o domingo 19 ás 11:00 horas levarase a cabo unha limpeza voluntaria e colectiva de lixo na Ría de Viveiro, coordinada por Prato_DO. O lugar de encontro é o Monumento das Minas da Silvarosa, na Misericordia. E ás 12:30 horas terá lugar o evento "Historia ou historias que viñeron pola mar. Roteiro guiado polo Viveiro vello", con Suso Martínez, guía de turismo e historiador. Será desde a Praza Maior.