O filme “A virxe roxa”, Premio Mestre Mateo á mellor longametraxe documental, proxectarase en Vilalba, A Pobra do Brollón, Foz , Sarria e Chantada, dentro do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación.
Trátase da segunda proxección programada neste circuíto, que contempla a exhibición dos oito filmes finalistas dos Mestre Mateo nas categorías de mellor longametraxe documental e mellor longametraxe de ficción, cunha proxección cada mes durante todo o ano.
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, convidou a “asistir a estas proxeccións coas que, da man da Academia Galega do Audiovisual, contribuímos á difusión do cine galego, tratando de fidelizar ao público e asentar unha demanda de producións audiovisuais en galego que repercuta positivamente no funcionamento dos circuítos comerciais a respecto da lingua”.
A deputada de Cultura subliñou “ a aposta por levar este ciclo audiovisual a vilas nas que non hai salas comerciais para facilitar o acceso a este tipo de producións culturais a veciñanza das distintas comarcas”, e agradeceu a colaboración de concellos e asociacións na organización e difusión das proxeccións.
“A virxe roxa”
O filme “A virxe roxa”, dirixido por Marcos Nine, con Amalia Mato e Chema Gagino na produción executiva. conta un suceso que conmocionou á sociedade dos anos 30 do século pasado, protagonizado por Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, unha moza que con só 18 anos se convertiu nunha das feministas máis destacadas da Segunda República, pero que pasaría á historia por ser asasinada a mans da súa nai, incapaz de aceptar a súa emancipación.
O relato constrúese a partir de entrevistas a persoas especialistas na biografía das protagonistas e no contexto histórico, como a profesora ferrolá Rosa Cal, recursos de filmes contemporáneos cos feitos e ilustracións de Alberto Taracido.
Ademais de gañar o premio ao Mellor documental nos Mestre Mateo, tamén foi finalista na categoría de Mellor montaxe e resultou premiado en festivais internacionais como DOCA ou Blackboard.
Proxeccións
Vilalba – Sábado, 16 de abril. Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Instituto de Estudos Chairegos e Concello de Vilalba
A Pobra do Brollón – Xoves, 21 de abril. Casa da Cultura Olga Novo. 20:15 horas. Colabora Concello da Pobra do Brollón.
Foz – Sábado, 23 de abril. Casa da Cultura. 18:30 horas. Colabora Concello de Foz.
Sarria - Sábado, 23 de abril. Sociedade Recreativa La Unión. 19.00 horas. Colabora Cineclube Leslie Nielsen e Sociedade Recreativa La Unión.
Chantada – Sábado, 23 de abril. Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Airoá Comunicación e Concello de Chantada.