A Vicepresidencia da Deputación de Lugo programa 59 representacións co ciclo de teatro profesional. Trécola Producións estará o 23 de xullo en Ribadeo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha unha nova edición do Circuíto de Teatro Profesional promovido pola área de Cultura, que inclúe 59 representación de 14 compañías por toda a provincia.

Trécola Producións, Xamón Producións, Ítaca Teatro, Ubú Teatro,
Pinconús, Teatro do Miolo, Señor López Producións, Satori Teatro, Baixo
da Area Teatro, Lîlâ Teatro, Bátega Teatro, Mocromina Títeres, A
Compañía Solitaria do Dr. Monifate e Loia Producións xirarán cunha
vintena de representacións ata decembro. As propostas escénicas están
destinadas a distintos públicos, desde teatro de títeres para público
novo ata montaxe con gran peso do baile tradicional e da música en
directo na escena ata adaptacións teatrais de textos literarios como
Poeta en Nova York.

A deputada de Cultura, Iria Castro, sinalou que con este ciclo “a área
provincial mantén o apoio á rede de compañías profesionais da provincia,
poñendo en marcha unha programación concreta que lles permite
rendibilizar o seu traballo creativo, e contribuíndo, no medio prazo, a
consolidar un público para o teatro e as artes escénicas en todas as
comarcas”.

Neste sentido, remarcou “a importancia de facilitar o acceso a propostas
culturais de calidade en todo o territorio, de man de concellos e
asociacións que precisan este tipo de colaboracións e iniciativas para
ampliar as súas programacións culturais”.

O calendario, confeccionado coa colaboración de concellos e asociacións,
que cofinancian as actuacións -achegan entre o 10 e o 30 por cento do
importe, en función da poboación - inclúe representacións en A
Fonsagrada, A Pastoriza, A Pontenova, Alfoz, Antas de Ulla, As Nogais,
Baleira, Barreiros, Begonte, Bóveda, Burela, Carballedo, Castroverde,
Cervo, Chantada, Cospeito, Foz, Friol, Guitiriz, Láncara, Lugo, Meira,
Mondoñedo, Monforte, Monterroso, Navia de Suarna, O Corgo, O Saviñao, O
Valadouro, O Vicedo, Outeiro de Rei, Pantón, Quiroga, Rábade, Ribas de
Sil, Samos, Sarria, Taboada, Vilalba, Viveiro, Xermade.

Este ano súmanse ao circuíto as compañías Satori Teatro e Loia
Producións.

Representacións en xullo e agosto: calendario e notas sobre as obras

23 de xullo. 20.00 horas. Campo de San Francisco, Ribadeo
Trécola Producións. Coa música a outra parte

Comedia de títeres de luva e música en directo. Todos os públicos

Catro historias entrelazadas forman este enredo, baseado en varias obras
de Rafael Dieste ás que Trécola lles dá unha volta, engadindo escenas de
colleita propia e actualizando o seu argumento con temáticas combativas
e irreverentes, para darlles un toque divertido e provocador.

Autoría e dirección: Isa G. Coldeiro
Elenco: Ero Vázquez Cabrera e Raquel López Cendáz
Músicos: Pablo Pintor e Barbeiro
Duración: 60 minutos

11 de agosto. 18.00 horas. Praza do Pobo, Navia de Suarna
Ítaca Teatro. Anaco

Narración oral. Público mozo e adulto.

Historias vividas, escoitadas ou simplemente construídas no imaxinario
do cotiá).
As lembranzas van aparecendo nas nosas vidas sen pedir permiso. Un
cheiro, un sabor, unha foto, os primeiros acordes dunha canción ou mesmo
o silencio dunha tarde, calquera tarde, invádenos e convídanos a viaxar
pola memoria. Así, pouco a pouco, van agromando imaxes que nos levan a
outros tempos vividos e fannos andar por camiños xa transitados. Cando
estamos en soidade adoitamos gozalos, saboreando eses instantes que
flotan no aire e se instalan na alma. Cando estamos en compañía tratamos
de reconstruílos con palabras para compartir as historias que se gardan
neses anacos.