Un carteiro real recollerá durante mañá, 3 de xaneiro, e o venres, día 4, as cartas e debuxos que lle entreguen os nenos e nenas para participar no concurso Queridos Reis Magos.
No certame poderán participar todos os nenos e nenas que o desexen con idades comprendidas entre 0 e 12 anos. Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos animan aos nenos e nenas a participar nesta cita e a levar as súas cartas e debuxos ao carteiro real que estará os 3 e 4 de xaneiro no Teatro, en horario de 12:00 a 14:00 horas polas mañás e de 17:00 a 20:00 horas polas tardes.
Cada participante deberá entregar o seu debuxo ou carta orixinal realizado con calquera material ou técnica. O debuxo presentarase nunha folla de papel de tamaño A4 o DIN A3. Para identificar os traballos terán que levar escrito o nome do concurso, o título da obra, o nome e apelidos do concursante, a idade e o teléfono de contacto.
Establécense dous premios e o fallo do xurado darase a coñecer o día 12 de xaneiro na VIII Festa do Comercio. Os gañadores ou gañadoras recibirán como agasallo dous grandes xoguetes. Os traballos presentados pasarán a ser propiedade de Acisa Ribadeo, quen os utilizará para a súa exposición ou outros fins que considere convenientes na promoción de actividades comerciais e culturais.
VIII Festa do Comercio
Acisa Ribadeo segue facendo entrega, coas compras desta campaña de Nadal, das rifas para participar no sorteo de 5.000 euros en vales de compra, que se celebrará na VIII Festa do Comercio o 12 de xaneiro. A campaña de Nadal daba comezo o pasado 1 de decembro e todas aquelas persoas que fan as súas compras no comercio local ata o día 12 deste mes obterán rifas para poder participar nese importante sorteo.
Os premios da VIII Festa do Comercio repartirá un primeiro premio de 2.000 euros en vales de compra, un segundo premio de 1.000 euros, un terceiro de 500 euros e dous cuartos de 250 euros cada un. Ademais haberá un premio non presencial, que é moi importante e que estará dotado de 1.000 euros en vales de compra..
Para participar nese sorteo hai que coller a parte máis estreita das rifas, que aparece perfectamente identificada, e metela na urna que haberá na carpa instalada ese 12 de xaneiro, en horario de 16:00 a 20:30 horas, no parque de San Francisco. No caso do premio non presencial o número elixido darase a coñecer o mesmo día do sorteo, e será seleccionado mediante un programa informático que escollerá de forma aleatoria un número entre os 200.000 que se están a repartir durante esta campaña. O gañador terá ata o 18 de xaneiro para presentarse nas oficinas de Acisa Ribadeo e reclamar o seu premio, “de non facelo perderá o dereito sobre o mesmo e considerarase deserto”, explican desde a Asociación de Comerciantes.