Todo está listo para a celebración da feira multisectorial Agora Xove, que arrinca mañá ás 11:00 horas co acto de inauguración no que participarán o actor e presentador da TVG, Roberto Vilar, o alcalde xovense, Demetrio Salgueiro e os tres empresarios homenaxeados nesta cita, que son Josefa Guerreiro, Telmo Mariño e Antonio Rey.
Despois do acto inaugural dará comezo unha fin de semana chea de actividades na carpa de 1.200 metros cadrados, que acollerá Agora Xove, e tamén no pavillón deportivo. Ás 12:30 horas haberá unha charla a cargo de Rosa Lage, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Xove, que falará sobre O apoio do Concello de Xove á creación de emprego.
A continuación degustación de produtos artesáns de Currimar, exhibición de corte, degustación de xamón e cata e degustación de viños a cargo de Pazo do Mar no stan de Onde Sempre. E pola tarde demostración de maquillaxe con Estética Marta, de perruquería con Capylarys e Eugenia, demotración de maquillaxe con aerógrafo e peiteados con Fina, obradoiro de automaquillaxe con Estética Marta e ás sete da tarde no pavillón desfile de moda e complementos no que participarán Centro Óptico Xove, Véquez Joyería, Librería Basanta, Mercería Antollo e Librería Lendas.
A o domingo, día 12, ás 11:30 terá lugar a presentación do libro infantil Alejo el conejo y sus enseñanzas, de Cristina Seijas Sanfiz, que organiza Librería Lendas. Ás 12:30 horas actuación a cargo do grupo Saíñas. A continuación exhibición de corte, degustación de xamón e cata e degustación de viños a cargo de Pazo do Mar no stan de Onde Sempre. E xa pola tarde sinatura do libro Corazone en el café, de Rita Morrigan. Organiza tamén Librería Lendas. Ás cinco da tarde sorteo de vales de compra valorados en 1.000 euros a cargo de Centro Óptico Xove.
A feira multisectorial Agora Xove rematará cun grande desfile de moda, organizado pola boutique Catycris, a partir das 18:00 horas. Será presentado pola xornalista de RadioVoz A Mariña, Mª José Fernández Azpeitia, e no mesmo colaboran as perruquerías Capylarys, Eugenia e Fina e Estética Marta.
A entrada á feira multisectorial Agora Xove será gratuíta. Desde a directiva de Aciam Xove animan “a acudir a Xove esta fin de semana, temos moitas cousas que ofrecerlles aos veciños e veciñas da Mariña e doutros lugares da provincia que se queiran a chegar a pasar unhas horas dun xeito diferente. O obxectivo é poñer a Xove no mapa e que todo o mundo coñeza os potenciais que temos aquí no noso empresariado”.
Os que se acheguen a Xove tamén poderán saborear noutra carpa o polbo á feira que servirá Cesáreo Eijo, desde hoxe mesmo e ata o vindeiro domingo. E a vila tamén será escenario da presentación en exclusiva da moto de Marc Mázquez, a cargo de Grupo Roma e Repsol.