Dous tobogáns acuáticos encherán de diversión a Praza do Concello de Burela do 26 ao 29 de agosto. Deste xeito especial quere pechar a Concellería de Deportes as escolas deportivas de verán e a ocioteca. Xoves e venres serán as rapazas e os rapaces destas actividades os que disfrutarán desta proposta. E sábado e domingo estarán abertos a todo o público. Só á preciso anotarse á chegada.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, contou que “desde a Concellería de Deportes de Burela imos pechar este verán dándolles un pequeno premio a todos estes nenos e nenas que estiveron participando nas escolas deportivas municipais e a aqueles que estiveron na ocioteca. Imos ter unha actividade onde imos compaxinar o deporte cos tobogáns acuáticos que son espectaculares e imos telos na praza do Concello desde mañá ata o día 29”.
O edil socialista sinalou que “é un premio pola situación que estamos pasando para todos estes nenos que estiveron participando nas escolas deportivas municipais e que incluso nalgunha ocasión tivemos que suspender algún día debido á pandemia. O horario que van ter os tobogáns é de once a unha e media pola mañá e de catro a sete e media polas tardes. O xoves e o venres van estar reservados para eses nenos e nenas das escolas deportivas municipais, xa que para eles se fai esta actividade”.
Ramiro Fernández dixo: “queremos agradecer á Deputación Provincial que, por medio do Plan Único, vai colaborar con esta actividade que tamén está financiada polo propio Concello”.
E engadiu que “a fin de semana estarán a disposición de todo o mundo que queira vir probar estes espectaculares tobogáns. No tobogán grande, que é o gravity, só pode montar xente de máis de 1´40 de estatura, co cal está máis dirixido á xente adulta e aos adolescentes, e despois teremos un pequeno para que os cativos poidan desfrutar del”.
Ramiro Fernández Rey subliñou que “a entrada é gratuíta. Simplemente hai que inscribirse na praza do Concello. Entrarán de dez en dez para gardar todas as medidas sanitarias que corresponden, en quendas de media hora. Desexamos que se desfrute desta actividade que tamén vai servir para poñer fin a este gran verán que tivemos en Burela”.