A alcaldesa María Loureiro convida a veciñanza "a participar nas actividades para conmemorar esta data tan sinalada e importante, para seguir loitando pola igualdade plena entre homes e mulleres e construír deste xeito unha sociedade mellor".
Pola súa banda, a concelleira de Muller e Igualdade, Lara Fernández Fernández-Noriega, destaca a importancia de conmemorar este día "para recoñecer tanto os avances feitos ata o momento en materia de igualdade de xénero e feminismo como para reivindicar os que aínda están por facer".
A programación comezará o propio día 8 de marzo co acto institucional do Día Internacional da Muller e a lectura do manifesto ás 12:30 na praza Maior.
Ao día seguinte, o sábado 9, terá lugar ás 20:30 a representación da obra 'Boa sorte, mala fama' no Teatro Pastor Díaz ás 20:30, e, ás 22:00, unha cea de irmandade de mulleres no Restaurante Louzao (Area).
Paralelamente, ata o día 16 de marzo estarán dispoñibles para a súa visita as exposicións do IX Concurso de Debuxo Escolar "Mamá Traballadora" na Biblioteca Municipal e do IV Concurso de Fotografía Amateur "Mulleres e Traballos" nos comercios adheridos ao Casco Histórico de Viveiro.
Do 1 ao 15 de abril estará dispoñible unha nova exposición, "Chicas nuevas 24h" de Mabel Lozano, na sala multiusos do Concello, financiada pola Rede de Entidades Locais Contra a Violencia de Xénero. O alumnado de 3º da ESO do IES Vilar Ponte visitará a mostra o 3 de abril.
Ademais, ata o 28 de maio desenvolverase o obradoiro sobre "Acoso Escolar ou Sexual e Redes Sociais" dirixido ao alumnado dos IES María Sarmiento e Vilar Ponte, que comezou o pasado día 23 de novembro.
Tamén continuarán ata o 30 de maio as sesións do Club de Lectura "En Feminino" a cargo da actriz Estíbaliz Veiga, que comezaron o 26 de outubro.