
San Miguel de Reinante, no concello de Barreiros, celebrará a festa e feira de San Rosendo os días 1 e 2 de marzo, sábado e domingo.
A Comisión de Festas San Rosendo, de San Miguel de Reinante (Barreiros) anuncia: “este ano volvemos a comezar a fin de semana cunha degustación gratuíta de tapas en base a carne de poldro de cabalo de Pura Raza Galega, que foi todo un éxito o ano pasado, nos bares de San Miguel.
O sábado celebrarase misa, actuación da sección infantil de O Arco da Vella, sesión vermú co grupo Escolma de meus, aberto de billarda e verbena coa orquestra Los Satélites. O domingo será o día grande con feira de artesanía e de gando, misa e sesión vermú co grupo folk Ardentía”.
Tamén destacan que “a festa será, coma sempre, en carpa cuberta e con laterais para que bailedes e non pasedes frío” e que “todo isto é posible grazas ó financiamento da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a fundamental colaboración do Concello de Barreiros”.