San Cosme de Barreiros celebra as súas festas patronais os días 26 e 27 na praza do Concello. O edil de Medio Ambiente, José Manuel Gómez Puente, anima a asistir ás actividades programadas. Haberá misa solemne os dous días, á unha do mediodía, e sesión vermú. Mañá, mércores 26, actuará un grupo de gaiteiros á saída da misa, e ás 21:30 horas celebrarase a festa-verbena coas orquestras Abanico e Metrópolis. O xoves 27, festivo local, terá lugar a misa cantada pola Coral de Barreiros, ás 18:00 horas haberá xogos infantís e ás 21:30 horas festa-verbena coas orquestras Essencia e Alaska.
O concelleiro barreirense anunciou que “mañá e o xoves se vai celebrar o San Cosme, que é a festa patronal de San Cosme e de Barreiros. É festivo local o día 27 e como é costume sempre se fan os días propios de festa, que van ser o 26 e 27”.
Gómez Puente dixo que “os dous días a misa vai ser á unha. Mañá na igrexa de Abaixo, seguida de procesión e despois a actuación dunha agrupación folclórica de gaiteiros. De seguido será a sesión vermú e a festa-verbena ás nove e media. Ímola facer cedo porque imos ter dúas orquestras e para que non se alongue moito a festa, acabar sobre as tres e media ou catro da madrugada parécenos que está ben”.
O edil sinalou que “o día 27 haberá tamén misa solemne á unha e vai estar cantada pola Coral de Barreiros, que o fai moi ben. Animo á xente a que veña á misa para que os escoite e despois haberá sesión vermú. Ás seis vai haber xogos infantís e ás nove e media festa-verbena con dúas grandes orquestras”.
José Manuel Gómez Puente subliñou que “son dous días que coinciden pola semana, pero a tradición di de respectar ese día festivo local que é o xoves. Animamos a que a xente disfrute destes dous días de lecer, tantos aos veciños de Barreiros como aos de toda a comarca. Esperemos que nos acompañe o tempo que creo que si. Vai haber carpa para non notar a friaxe da noite e animar á xente para que nos acompañe”.