San Ciprián, no concello de Cervo, celebrará as súas festas na honra á Virxe do Carme os días 15 e o 16 de xullo.
A cita, organizada polo Concello de Cervo, foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, a concelleira Mali Méndez, os edís Alfredo Fernández e Adrián Arias e por unha representación da asociación Mar de San Ciprián, que se encarga de organizar a procesión; de Mulleres de San Cipirán, que colabora coa decoración floral; e de varios colaboradores da Festa e da asociación A Anxuela.
Os festexos arrincarán o luns 15, coa sesión vermú a cargo do Grupo Zona Zero, ás 14:00 horas. Xa á noitiña, ás 21:00 horas terá lugar a tradicional procesión do Carme ata o peirao, organizada pola asociación Mar de San Cipirán e acompañada polo grupo de gaitas A Rebolaxe. A continuación será a verbena na Praza dos Campos co Grupo Zona Zero e a orquestra Los Player´s.
O día grande, o martes 16, a misa está prevista para as 12:00 horas, no peirao, cantada pola Coral Terramar, ao remate haberá unha ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos a cargo de Francisco Pernas. A continuación será a procesión da Virxe ata a Igrexa Parroquial de Lieiro, organizada por Mar de San Ciprián, acompañada pola Banda da Misericordia. Xa ás 14:00 horas será a sesión vermú co grupo Arizona que repetirá na verbena ás 22:00 horas, con Greats Straits, un concerto tributo a Dire Straits.
A alcaldesa quixo agradecer o esforzo e a implicación dos diferentes colectivos e veciños e veciñas que colaboran para facer posible a celebración desta Festa con tanto arraigo na nosa vila “que reforza esa identidade de vila mariñeira que caracteriza a San Ciprián, un pobo no que neses días se respira un especial sentimento festivo e de comunidade palpable en cada encontro familiar e entre amigos, e moi especialmente nese emotivo percorrido da Patroa polas rúas da vila engalanadas para a ocasión”.
A rexedora quixo convidar, do mesmo xeito, á veciñanza e visitantes a que desfruten destas dúas xornadas festivas “coas que se pretende conectar con toda a sociedade, nas que a música, a diversión e os bos momentos entre a familia e os amigos están asegurados”.