San Ciprián acollerá o 23 de decembro o X Campionato de Nadal de Nihon Taijitsu. Na cita participarán campións galegos de todas as categorías.

O Concello de Cervo acollerá o sábado 23 de decembro, véspera de Noiteboa, o X Campionato de Nadal de Nihon Taijitsu, nas modalidades de Kata e Combate, neste útimo caso na categoría adulto.

O evento foi presentado polo rexedor cervense, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, e o presidente da Escola de Artes Marciais de Cervo e director do departamento de Taijitsu da Federación Galega de Kárate, Miguel Ángel Rojo, veciño tamén do municipio.

O escenario da competición, que comezará ás 17:00 horas, será o Pavillón da Veiga de San Ciprián, 

Xa confirmaron a súa asistencia os campións galegos de todas as categorías; así estímase que serán medio cento os participantes, entre nenos e adultos, os que competirán no tatami instalado para a ocasión no Pavillón da Veiga; dos cales o 80% serán representantes da Mariña.

Haberá trofeos para os tres mellores de cada unha das 9 categorías; e medallas para todos os participantes.

Cabe recordar que este curso creouse a Escola de Artes Marciais de Cervo, e a día de hoxe xa son máis de 20 os nenos do municipio que están a tomar contacto co Taijitsu.
Soto e Villares incidiron en que o que “pretendemos dende o Concello é achegar a veciños e visitantes esta arte marcial de orixe xaponesa, que chegou a Galicia pola Mariña vai 24 anos, da man deste mestre que é, ademais, veciño noso; e convidamos a todos a que veñan gozar desta exhibición de artes marciais na véspera de Noiteboa”.

Este campionato de Taijitsu vén completar a programación deportiva de Nadal do Concello de Cervo que arrinca este sábado coa III Canastra Solidaria. Recordamos que se poden entregar xoguetes novos na Casa da Cultura de San Ciprián, e  tamén alimentos no supermercado Familia; que o mesmo día da actividade serán doados á Cruz Roja Española.

A programación comprende xogos infantís e máis sorpresas para ese día 16 de decembro, no que se desputarán dous encontros de baloncesto. O primeiro deles será a partir das 16:00 horas e será un partido de 2ª división cadete feminina entre Distribuciones Carreiras C.D. San Ciprián e o CB Ensino 03. Xa a partir das 18:00 horas será o encontro de 3ª división sénior masculino que enfrontará ao C.D. San Ciprián e ao CB Atocha.

O día 31 de decembro terá lugar a tradicional Carreira San Silvestre en San Ciprián. Os interesados xa poden inscribirse a través do teléfono 691.65.66.00, do correo sansilvestrecervo@gmail.com; ou o mesmo día 31, entre as 10:00 e as 11:00 horas
A saída está prevista para as 11:30 horas dende a Praza dos Campos; e o percorrido será duns 5 quilómetros aproximadamente.