Ribadeo será escenario o 30 de xuño do son cubano coa xira de Roi Casal, que foi presentada na Deputación de Lugo.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, os Alcaldes de Monforte, Láncara e Guitiriz,José Tomé Roca, Darío Piñeiro López e Regina Polín Rodríguez e o Concelleiro de Cultura de Ribadeo, José Farruco Graña, presentaron no CENTRAD, Son Galego, Son Cubano,un proxecto liderado por Roi Casal co que colaborao organismo provincial cunha achega total de 20.000 euros.Trátase da xira que terá lugar nos meses de xuño, xullo e agosto en ditos municipios.O Goberno provincial asume o 40% de cada concerto, mentres que o 60% restante é financiado polos Concellos. 

Campos Conde avanzouque “esta xiraé de gran importancia porque ofrece unha actividade lúdica de primeiro nivel para os veciños, promove as relacións históricas entre Lugo-Cuba, tamén dinamiza culturalmente as vilas da provincia e xera riqueza noutros sectores como pode ser o turismo.”.

Os Alcaldes agradeceron á Deputación o seu apoio e colaboración e convidaron a todos os lucenses, e non lucenses, a achegárense aos diferentes municipios para desfrutardas letras de Neira Vilas,interpretadas por Roi Casal e a súa banda de 10 músicos excepcionais de Cuba e de Galicia, ademais de que poden aproveitar para coñecer o patrimonio dos seus concellos.

O Alcalde de Monforte enmarca este concerto “na programación cultural, nas festas patronais; no caso de Monforte levamos 19 anos co Festival de Habaneras e xusto se vai facer o día seguinte da actuación”. O Alcalde de Láncara sinalou que “cando se fala de Cuba hai que falar do noso Concello. Estamos encantados de que coincidira coas festas da Pobra de San Xiao. Para nós, recibir un acto como este é un pracer”.A Alcaldesa de Guitiriz avanza que “Roi vai actuar nunha feira especial e única de Parga, un espazo natural, pouco humanizado e espera que sexa unha homenaxe a todos os emigrantes que en Guitiriz fixeron moito”.O Concelleiro de Cultura de Ribadeo encadrou a xira “nunha quincena especial para o Municipio porque a primeira fin de semana celébrase a Feira do Libro, evócase a literatura e nesta xira rememórase a figura de Neira Vilas; na fin de semana seguinte é o Ribadeo Indiano. Polo cal este concerto vai servir de ponte cultural”.

Son galego, son cubano
O proxecto nace en 2014 por encargo do Instituto Cubano da Música (ICM) a Roi Casal despois de que o artista fose galardoado co Premio Internacional Cubadisco ese mesmo ano na illa caribeña.Esta xira logra por en valor, dun modo moderno e actual, a relación entre Cuba e Galicia. O proxecto contou con participantes de excepción como Neira Vilas (figura emblemática das letras galegas), Roi Casal (un dos artistas máis internacionais da música galega), Pablo Milanés (icona da nova trova cubana), LaritzaBacallao (unha das voces femininas cubanas máis destacadas) ou Nando Casal (membro fundador de Milladoiro, a prestixiosa banda galega).

Fixo a súa estrea no Gran Teatro da Habana (antigo Palacio do Centro Galego) con dous concertos o 27 e 28 de maio de 2016, para proseguir cunha xira en Galicia e outros lugares do mundo.

Calendario
O primeiro concerto terá lugar en Ribadeo o 30 de xuño, dentro da programación RibadeoIndiano. A festa rememora a época na que os emigrantes retornados importaban os costumes de Cuba, tales como vestimentas ou cancións. 

O 21 de xullo, o espectáculo achegarase ata a comarca da Terra Cha, que foi outra das que partiu un gran número de emigrantes, concretamente en Guitiriz, onde se construíron as escolas habaneras, co fin de que os rapaces de 14 e 15 anos que chegaban a Cuba puidesen optar a postos de cualificación aos que non tiveron acceso as primeiras fornadas de galegos en América.

O terceiro concerto Son galego, son cubano terá lugar o 18 de agosto en Láncara, localidade natal de Ángel Castro Argiz, pai de Fidel Castro. O fin do paso desta xira pola provincia de Lugo será en Monforte de Lemos o día 31 de agosto, durante o Festival de Habaneras, que vincula Galicia con Cuba desde hai 19 edicións.