Ribadeo únese a outros Concellos que celebran o 24 de febreiro como Día de Rosalía. No Teatro terá lugar a lectura dun manifesto e despois unha representación teatral a cargo de Inversa Teatro, segundo deu a coñecer o concelleiro de Cultura, Farruco Graña.
O edil dixo: “queremos axudar a afianzar esta data no convencemento da importancia que ten lembrar a escritora de Padrón. Así como o nome de Rosalía de Castro é coñecido por todos, a súa obra foi durante décadas ofrecida ao grande público como un produto sentimentaloide e derrotista. É o momento de lermos a Rosalía e descubrir toda a súa modernidade. Conceptos hoxe asumidos normalmente como obxecto poético (a xustiza social, a liberdade fronte á norma opresora, a situación da muller, a emigración…) xa foron utilizados por esta galega no século XIX. E por riba, era muller e escribía en galego”.
Farruco Graña sinalou que “este acto concreto do venres, día 24, ás 20.30 horas no Teatro, consistirá nunha lectura e reparto do Manifesto polo Día de Rosalía e a representación a continuación de Un té con Kant, a cargo de Inversa Teatro. O reparto do texto que este ano é da autoría da escritora Ledicia Costas (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2016) farase pola semana adiante entre o alumnado dos centros de ensino de Ribadeo e tamén ao público asistente á función teatral”.
O concelleiro de Cultura engadiu que “Un té con Kant é un espectáculo escrito e dirixido por María Caparrini e Marta Pérez e interpretado por María Roja e Marta Pérez. É un proxecto experimental que conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica xogando co humor e a ironía para obter unha peza de teatro próxima ao formato de teatro-didáctico-conferencia”.
Johanna Gottfried e Theodora Krauss son dúas mulleres ilustradas chegadas á nosa época nunha viaxe no tempo desde a Prusia do S. XVIII. Unha vez aquí tentarán exercer como axitadoras filosóficas coa pretensión de remover e promover a reflexión (e acción) do público asistente ao redor da problemática moral nos nosos días, a partires das ideas do seu amigo o filósofo Inmanuel Kant. A última decisión sobre o destino destas personaxes dependerá unicamente do público asistente.
Farruco Graña convida “a todos os veciños e veciñas a celebrar con cultura o Día de Rosalía”.