Na zona portuaria de Ribadeo celebraranse esta fin de semana, desde o venres 19 ata o domingo 21 de xullo, as festas do Carme, nas que haberá un tributo a Juan Pardo a cargo do grupo Xuntos pola Música, formado por Lys Pardo, Antonio Barros, iAlma y Fernando Calderón, e que interpreta grandes cancións compostas por Juan Pardo. Será na verbena do venres, na que tamén actuará o grupo Rubí.
O sábado ás 12:00 horas celebrarase unha homenaxe aos patróns maiores de Ribadeo, na confraría de pescadores. Ás 13:45 horas empezará a sesión vermú, co grupo Alaska, que tamén actuará na festa verbena xunto ao grupo La Diferencia.
E o domingo haberá misa solemne ás 16:00 horas na igrexa da Atalaia e a continuación empezará procesión coa imaxe da Virxe do Carme ata o porto de Porcillán, para realizar a procesión marítima. Estará acompañada coa música do cuarteto tradicional Illa Pancha. De volta ao porto actuará a Coral Polifónica Ribadeo, que interpretará a Salve Mariñeira e outras pezas.