Ribadeo acollerá a Gladiator Family con carácter solidario o 28 de abril. O importe das inscricións desta proba de obstáculos infantil será doado integramente á Cruz Vermella ribadense. A carreira está dirixida a nenas e nenos de 3 a 11 anos. Mañá é o último día para inscribirse. Os interesados en participar poden facelo en http://www.gladiatorraceoficial.es/ O evento foi presentado hoxe.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, lembrou que “a proba, que está patrocinada por Banco Mediolanum a través do proxecto Mediolanum Aproxima, terá lugar o 28 de abril a partir das doce da mañá na praza de España. Nenas e nenos, acompañados dun adulto, disfrutarán dun día en familia facendo deporte, no que se enfrontarán a distintos obstáculos en dous percorridos, un de 500 metros para as idades comprendidas entre 3 e 5 anos, e outro de 900 metros para nenas e nenos de 6 a 11 anos. Ao remate da proba todos os participantes recibirán unha medalla finisher”.
Na presentación da Gladiator Family, que tivo lugar esta mañá, participaron Óscar Espiñeira, responsable Noko 360, empresa organizadora; Antía Fernández, responsable de Cruz Roja Ribadeo; José Manuel Rodríguez, Team Manager en Banco Mediolanum; Rubén Castro, Supervisor en Banco Mediolanum; o concelleiro e o técnico de Deportes, Francisco José Silvent e Iván López; e o alcalde, Dani Vega.
Desde a organización agradecen a colaboración de Kids&Us Ribadeo, La Moda, El Mero Crossfit, restaurante Náutico, restaurante Marinero, Beep Informática, A Cofradía, A Horta de San Roque, Javier Montero e Cienfuegos.