Hoxe reabre de novo ás visitas o barco museo Reina del Carmen no porto de Burela. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, anunciou que ata finais de mes manterá o horario de inverno de martes a venres ás 11:00, 12:00, 13:00, 17:00 e 18:00 horas e os sábados ás 11:00, 12:00 e 13:00 horas. Os grupos serán menores que antes da chegada do Covid e non superarán as 10 persoas. O edil advirte que como no interior do barco é difícil manter a distancia de seguridade será obrigatorio o emprego de mascarilla.
O concelleiro de Turismo confirmou que “a partir de hoxe abrimos o barco museo Reina del Carmen. No día de onte tanto o alcalde como eu fixemos unha visita para ver unhas reformas que estivemos facendo. Ata o día 1 de xullo imos ter o horario de inverno que sería de martes a venres, ás once, ás doce e á unha pola mañá, e ás cinco e ás seis pola tarde. E os sábados teríamos visitas ás once, ás doce e á unha. Tíñamos descanso os sábados pola tarde, os domingos e os luns. E así o imos manter ata finais de mes”.
Ramiro Fernández Rey dixo que “a partir do 1 de xullo xa empezaremos co horario de verán, que vai comprender de martes a domingo e o único día que vai estar pechado será os luns para darlle descanso ao persoal. O horario de visitas será ás once, ás doce e á unha polas mañás, e ás cinco, ás seis e ás sete polas tardes”.
O edil burelés subliñou que “decidimos, como non podía ser doutra maneira co tema do Covid, tomar unha serie de medidas de seguridade e baixaremos a dez o número de persoas que poidan participar en cada visita, antes eran 25. Evidentemente, como dentro do barco non se pode gardar a distancia de seguridade recomendada de dous metros, imos pedirlle á xente que use mascarilla. Ademais imos ter os xeles hidroalcohólicos para todos os visitantes co obxectivo de que poidan facer a visita con seguridade. Tamén imos intentar reducir un pouco o tempo das visitas, que viñan durando sobre unha hora, para facer unha limpeza das varandas e todos os elementos que poidan ser tocados polos visitantes”.
Fernández Rey agarda que “este ano teñamos moitas visitas como estamos tendo todos os anos, evidentemente este 2020 é especial debido ao Covid, pero queremos invitar a toda a xente a que a partir de hoxe xa pode facer esas visitas ao barco museo e que desfruten desa experiencia. Toda a xente que o ve sae contenta e é un dos grandes atractivos turísticos que temos aquí en Burela”.