O Concello de Cervo programa unha nova edición de “Cervo Concilia”, unha iniciativa municipal máis que consolidada –que na pasada edición reuniu a máis de 150 crianzas- que pretende ser “esa ferramenta de axuda á conciliación das familias, en épocas nas que pode resultar máis difícil como é o verán”.
O programa está dirixido ás crianzas do municipio de entre 3 e 12 anos e desenvolverase desde o 22 de xuño ata o 8 de setembro “cubrindo á totalidade o período das vacacións escolares, para beneficiar ao máximo ás familias e axudarlles na difícil tarefa de conciliar”, tal e como precisou o rexedor en funcións, Alfonso Villares.
Pola súa banda a edil de Educación en funcións, Dolores García Caramés, que coordina o programa, apuntou que o prazo de inscrición poderase formalizar ata o 19 de xuño na Casa do Concello o una Casa da Cultura.
O programa, tal e como avanzou Caramés, volverá contar cun completo abano de propostas lúdico, culturais e educativas “pensadas para entreter ás crianzas, sen deixar de lado a aprendizaxe”.