A concelleira de Promoción Económica, Marta Saiz, comentou que “un ano máis Ribadeo acolle o seu concurso de tapas. O evento, promovido pola Área de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio, presentase como unha oportunidade fantástica para que os bares e restaurantes ofrezan o mellor da súa cociña concentrado nun par de bocados. E, á súa vez, serve para afianzar a calidade gastronómica de Ribadeo”.
A edil ribadense explicou que “o concurso dará comezo o día 20 de abril prolongándose ata o día 28 de abril. O prazo de inscrición para os establecementos remata o 15 de marzo”.
Saiz subliñou que “como novidades este ano créanse novas modalidades de premios, como é o caso da tapa doce. Así os establecementos que estean interesados en participar desta modalidade poderán presentar ata un máximo de dúas tapas sendo unha delas salgadas e outra doce ou tamén se poderá optar por presentar unha soa tapa doce ou unha soa tapa salgada”.
A concelleira de Promoción Económica indicou que “nesta edición desde o Concello quérese apostar pola sostibilidade aunado a gastronomía e para isto crearase unha modalidade de tapa máis sostible, e que contando coa colaboración de Eo Alimenta sexamos capaces de dar protagonismo neste tapeo aos produtos locais e de tempada ou produción sostible, produto autóctono, denominación de orixe, presentación con materiais reutilizables e colaboración local con outras persoas ou empresas sostibles do territorio”.
Marta Saiz sinalou que “neste senso o Concello enviará un listado de produtos dispoñibles nun radio de 100 quilómetros de cara a facilitar a elaboración de tapas e comezar a artellar unha rede de contactos entre a hostalería e persoas produtoras. Este listado de produtos dispoñibles é aberto, polo que as persoas produtoras ou comercializadoras de produtos locais pódense por en contacto co Concello. Os establecementos que desexen apostar por esta tapa sostible poderán contar co asesoramento previo do Eo Alimenta no teléfono 628842835. Trátase dun reto moi interesante para os hostaleiros que pon en valor tanto o noso produto como aos nosos produtores. Algo que dará unha nota de calidade e distinción ao Ribadeo de Tapeo”.
A edil de Promoción Económica e Iniciativa Empresarial engadiu que “como en edicións anteriores haberá unha fase previa. As semanas previas un/unha cociñeiro/a especializado na materia, degustará as tapas presentadas ao concurso. Esta fase terá simplemente un carácter de intercambio de impresións da elaboración e presentación da tapas. Aos premios do xurada concorrerán todos os establecementos inscritos no concurso. A organización reservase a posibilidade de realizar dúas quendas de selección. Unha primeira onde se escollerán os establecementos finalistas e outra quenda onde se escollerán os premiados. Haberá premios do público como en edicións anteriores e o que concorrerán todos os establecementos inscritos e os gañadores serán escollidos polo público”.
O prezo da tapa será de 2,50 euros. Os establecementos interesados en participar poden descargar as bases do Ribadeo de Tapeo na sede electrónica do Concello ou tamén para calquera dúbida ou aclaración pódese chamar á Área de Desenvolvemento Local de Ribadeo (982 128 650) ou escribir un correo electrónico a adl@ribadeo.gal