A Sala de Exposicións de RegalXunqueira en Viveiro acollerá este venres, 11 de xaneiro, a presentación do libro de Pepe Peinó A Fuxida. O acto dará comezo ás 20:00 horas.
O propio autor explica que esta novela trata sobre a adolescencia, esa fermosa etapa de cambios, sensacións, emocións e rebeldía. O protagonista, Xaime, é un rapaz adolescente que sofre a angustia de buscar moitas respostas sobre a vida e non atopalas. Anda só, pensa, sinte e soña pero non é feliz. Séntese marxinado e débil no trato coas outras persoas, e sente medo ante a soidade, o baleiro e o ridículo. Pero Xaime é capaz de profundar nas verdades da vida e sabe que hai algo máis que o desánimo, que a vida pode dar moito máis de si. Convencido disto, e a pesar de que sabe que causará dor á súa familia, foxe de casa. Na súa fuxida de dez días coñece a outras persoas, outro modo de vida, outras respostas e a alguén especial.