Os veciños e veciñas de Xove xa poden recoller no Concello o libro sobre a "Baleeira de Morás", que estivo en funcionamento entre os anos 1965 e 1977.

O Concello de Xove, a través do departamento de Investigación Social do Concello de Xove, elaborou o libro “Baleeira de Morás” dentro do proxecto Xove Mirando ao Mar.
 
Ata  o mes de agosto de 2015 atopábanse no noso concello os edificios que formaron parte da antiga factoría baleeira de Morás, que estivo en funcionamento entre os anos  1965 6 1977.
 
Este libro é unha  guía,  unha aproximación á historia da caza dos cetáceos, onde se  explica como rematou en Morás o último vestixio industrial baleeiro do Cantábrico e analiza o  seu impacto industrial na zona, as relacións laborais e as condicións das primeiras traballadoras asalariadas desta empresa no noso municipio.  Así como unha análise da biodiversidade e a conservación dos cetáceos. O libro recolle unha ampla reportaxe fotográfica de veciños e veciñas de Xove que traballaron na factoría e cuxo testemuño serviu para elaborar o seu contido.
 
Este volume foi financiado polo GALP A Mariña-Ortegal  e contou para a súa realización coa colaboración do CEMMA Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños e coa coordinación da dirección e a área de didáctica do IES Illa de Sarón de Xove.
 
O Concello de Xove pon a disposición de cada casa do concello un volume gratuíto que se poderá recoller nas oficinas xerais municipais en horario de atención ao público.