Os Reis Magos de Oriente, en colaboración con operarios municipais do Concello de Foz, procederon á colocación de 12 buzóns para facilitar a achega de cartas ás nenas e nenos de todo o municipio.
O rei Melchor incidía na importancia de que os buzóns estean preto das casas, repartidos por todo o concello, para que os desprazamentos sexan os mínimos debido aos protocolos polo COVID que hai que cumprir este ano. Así, dispuxéronse catro buzóns repartidos polo casco urbano e outros oito, un por parroquia, para que todos os rapaces teñan a posibilidade de enviar as súas peticións.
O rei Gaspar aplaudía o ben que están a levar as medidas todos os pequechos, xa que puido observar que sempre saen á rúa coa máscara posta. E Baltasar lembrou que terán en conta os comportamentos durante todo o ano, pero tamén as dificultades que todos estamos a pasar neste 2020, polo que reducirán ao mínimo as partidas de carbón.