Os poetas mindonienses serán os protagonistas da quinta edición de "No bico un cantar", que terá lugar o 2 de xuño.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega poñen en marcha a quinta edición de ‘No bico un cantar’, unha iniciativa na que a música e a poesía cobran protagonismo nas voces dos alumnos e das alumnas dos conservatorios profesionais de música de Galicia e que este ano renden lles homenaxe aos poetas mindonienses.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e mailo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, presentaron a actividade, que terá lugar en Mondoñedo o vindeiro día 2 de xuño, cun concerto no que un coro de rapaces e de rapazas dos conservatorios profesionais de música cantarán os versos de Álvaro Cunqueiro, de Antonio Noriega Varela, de Xosé Díaz-Jácome, de Manuel Leiras Pulpeiro e de Aquilino Iglesia Alvariño. 

O coro estará acompañado polo quinteto de metais ‘Hércules Brass’, e baixo a batuta do director Maximino Zumalave, que tamén participou no acto, xunto co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; coa alcaldesa de Mondoñedo, vila que acolle a edición deste ano, e coa vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Na súa intervención, Román Rodríguez, subliñou a importancia deste evento na medida en que reforza o papel educativo da música e da literatura; que contribúe a fomentar a educación en valores como o traballo en equipo, a responsabilidade e a solidariedade; e que axuda a espallar a cultura e a lingua galegas a través dos seus autores máis representativos. 

O conselleiro aludiu tamén a que ‘No bico un cantar’ se inspira na tradición dos xograres medievais, a través do diálogo entre a música e poesía; e aproveitou para lembrar que precisamente un dos cumios da literatura galaico-portuguesa, o Pergamiño Vindel (que recolle as sete cantigas de amigo de Martín Códax), vai estar exposto a partir deste outono no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. 

Seis poemas cantados
Nesta edición interpretaranse seis pezas doutros tantos autores en versión para coro de nenos e sexteto de metais de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega. Trátase dos poemas ‘No niño novo do vento’, de Álvaro Cunqueiro e con música de Luis Emilio Batallán; ‘As froriñas dos toxos’, de A. Noriega Varela e musicado por Eduardo Toldrá; ‘O neno durmía’, de Xosé Díaz-Jácome e música de Antonio Paz Valverde; ‘¡Non o sei!, de Manuel Leiras Pulpeiro e Nico Casal como compositor; e ‘Neniae’, de Aquilino Iglesia Alvariño e tamén musicado por Nico Casal. Coma en todas as edicións, o coro pechará o concerto coa interpretación de ‘Maio longo’, de Rosalía de Castro, e con música de José Baldomir. 

Coma todos os anos, estímase unha participación de preto de 500 nenos dos conservatorios profesionais de música da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo; do coro Ángeles de Compostela da Escolanía da Catedral de Santiago; do Coro de nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia; e tamén están convidados os alumnos dos conservatorios profesionais de Viveiro e de Vilalba e das escolas de música municipais de Ribadeo e Mondoñedo. 

‘No bico un cantar’ púxose en marcha por primeira vez no ano 2013, en homenaxe a Rosalía de Castro cando se cumprían os 150 anos do seu nacemento, e tivo lugar en Santiago. A partires de aí, as seguintes edicións estiveron dedicadas a Manuel Curros Enríquez (celebrada en Celanova), a Ramón Cabanillas (que tivo lugar en Cambados) e aos trobadores (en Cangas).