O festival SonRock celebrarase o vindeiro sábado, 17 de xuño, no parque de San Francisco. A partires das once da noite actuarán as bandas Enxebre, Anima e Machina. O evento foi presentado polos concelleiros de Cultura e Xuventude.
O edil de Cultura, Farruco Graña, salientou que “un ano máis achégase o rock a Ribadeo. Esta é unha nova edición do SonRock Ribadeo na que van participar grupos como Enxebre, composto por veciños de aquí de Ribadeo e da zona, e os grupos Anima e Machina. Será o sábado, 17 de xuño, ás once da noite, no parque de San Francisco”.
O concelleiro ribadense declarou que “o que pretendemos desde as Concellarías de Cultura e de Mocidade é dar cabida tamén ao rock. En Ribadeo amamos a música, pero tamén nesta ocasión queremos mostrar o noso afecto con son forte e son vibrante a través dos grupos Enxebre, Anima e Machina. Queremos dar o noso apoio a este estilo musical”.
Pola súa banda a concelleira de Xuventude, Vanesa Yanes, explicou que “Anima defínese como unha banda de rock alternativo progresivo que tivo o seu primeiro directo no Aversion Fest, teñen tocado no Resurrection Fest e noutros festivais compartindo escenario con grupos como Def con Dos”.
Yanes engadiu que “Machina son unha banda de Cerceda que se move entre o metal, o hardcore, punk e outras tendencias. Ata a actualidade a banda ten publicado un EP, Acouga, dous discos, Postbravú e Ensaio sobre o silencio e un novo EP titulado O síndrome de Narón. Enxebre é un grupo local de Ribadeo que xa ten demostrado en diferentes festivais e concertos a súa valía musical”.
Para o concelleiro de Cultura “ademais da innegable calidade musical de todos estes grupos, o que queremos destacar especialmente é que xente como Enxebre, Machina e outros grupos que teñen pasado polo SonRock Ribadeo apostan polo uso do galego neste estilo musical. Moitas veces escoitamos dicir que o rock non só ten que ser en inglés, que outras linguas serven para tocar rock e facer música rock, pois o galego tamén. Nesa ocasión apostamos tanto pola música rock como por aqueles grupos que se animan a usar o galego para as súas composicións musicais”.
A edil de Xuventude quixo animar á xente a acudir ao SonRock: “animámosvos a todas e a todos a vir ao concerto o sábado 17 de xuño, ás once da noite no parque San Francisco”.