O Festi-Val de Cine de Alfoz e O Valadouro chega á súa sétima edición. Celebrarase os días 9 e 16 de marzo de 2019. Na primeira xornada, en Alfoz, proxectaremos a película "A carta", rodada polo Grupo Teatral Raiolas aló polo ano 2006. Na segunda xornada (día 16 de marzo), no Valadouro, celebraremos o II Certame de Curtas (na foto que vos presentamos podemos ver o cartel da película gañadora do ano pasado: "REM", de Xoán Bregua). Neste Certame de Curtas pode participar calquera persoa ou colectivo con temática variada, pero, iso si, como INNOVACIÓN IMPORTANTE respecto á edición pasada, os filmes presentados teñen que presentar algún tipo de vinculación co noso Val (Alfoz e Valadouro): pode ser por temática, por lugar de rodaxe, por participación no filme de xente do Val, etc. Para máis información, aquí tedes as bases do Certame. SORTE A TODOS!!
O Seminario de Estudos do Valadouro organiza o II Certame de Curtas Alfoz-Valadouro, que se englobará dentro da celebración do VII Festi-Val de Cine Alfoz-Valadouro, e que se rexerá polas seguintes BASES:
1. Traballos a presentar:
• Os traballos presentados deberán ter unha duración máxima de 15 minutos e estar rodados nos anos 2019, 2018, 2017 ou 2016. A organización resérvase o dereito de aceptar filmes que excedan esta duración se o estima oportuno.
• Pode presentar traballos calquera persoa que o desexe, sen límite de idade nin procedencia.
• MOI IMPORTANTE: a temática do vídeo é libre, pero deberá estar relacionada dalgunha forma co Val formado polos concellos de Alfoz e O Valadouro. A tal fin na inscrición especificarase o vínculo do filme con este Val (pode ser por motivos históricos, sociais, económicos, etc.). Unha comisión formada por tres membros do Seminario de Estudos do Valadouro valorará se este vínculo é aceptable e se o filme pode participar no certame. A organización resérvase o dereito de rexeitar aquelas creacións nas que se fomente o racismo, o machismo, a homofobia ou a vulneración de calquera dos dereitos humanos recollidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos.
• Os autores serán os únicos responsables do contido das pezas presentadas. Pódense presentar ata tres producións por persoa.
• Se se inclúe banda sonora no traballo, esta deberá estar libre de dereitos de autor ou contar coa autorización do propietario dos dereitos para a súa exhibición.
• A lingua principal do vídeo deberá ser o galego, podendo aparecer outras linguas de forma minoritaria. Corresponde á Organización decidir se o uso doutra lingua é minoritario ou non.
2. Presentación dos traballos:
• Para presentar un vídeo ó certame deberase enviar un correo electrónico a peinoster@gmail.com co asunto “II Certame Curtas Alfoz-Valadouro”, no que se incluirán as seguintes cousas:
- Título do vídeo.
- Descrición da gravación (tres ou catro liñas).
- Vínculo ou relación do filme ou da súa temática co Val formado polos concellos de Alfoz e O Valadouro.
- O vídeo pódese presentar de tres formas: cunha ligazón a un servidor en internet como Mega, Wetransfer ou similares, no que se colgará o vídeo, a fin de que o Xurado poida baixalo e visionalo; en formato DVD ou gravado nun pen drive (os que elixan formato DVD ou pen drive deben envialos a José Vázquez Peinó, Rúa Congostra, nº 22, Portal 3, 4º A, 27780 Foz, LUGO).
- Nome do Director do vídeo.
- DNI do participante.
- E Mail do participante.
- Teléfono do participante.
- Un fotograma ou imaxe representativa do filme, para a súa exposición en carteis e anuncios do Certame.
3. Prazo de presentación:
• Os traballos deberán presentarse antes do 20 de febreiro de 2019.
4. Fases do Certame: o certame divídese en dúas fases:
• 1ª FASE: Un Xurado de xente do mundo do cine, escollida pola Organización do Certame, elixirá 8 traballos finalistas entre todos os presentados.
• 2ª FASE: O sábado 16 de marzo de 2019 proxectaranse en público, dentro do VII Festi-Val de Cine Alfoz-Valadouro, os 8 traballos finalistas. O Xurado, presente na sala, escollerá dous premios: un 1º Premio á Mellor Película, dotado con 300 euros e unha estatuílla representativa do Certame; e un Premio á Mellor Película do Val, presentada por persoas de Alfoz e O Valadouro, dotado con 150 euros e unha estatuílla. Igualmente ese mesmo día o público asistente votará pola mellor película presentada e cos votos do público escollerase o Premio do Público, dotado tamén con 150 euros e unha estatuílla.