Hoxe foi presentado o III Torneo Marosa Cup que terá lugar os días 7 e 8 de outubro no campo de fútbol de A Marosa. Está organizado polo SD Porto de Burela en colaboración co Concello burelés e a Deputación Provincial de Lugo, e trátase dunha cita co fútbol base, “unha das prioridades do equipo de goberno” segundo salientou o edil Ramiro Fernández Rey. Ao torneo acudirán equipos como o Deportivo da Coruña e o CD Lugo.
O concelleiro de Deportes explicou que “vimos de presentar hoxe no Concello de Burela o III Torneo Marosa Cup que organiza o SD Porto de Burela en colaboración co Concello e que se vai celebrar os días 7 e 8 de outubro nas instalacións do campo de fútbol de A Marosa”.
Ramiro Fernández dixo que “é un torneo de fútbol base, unha das prioridades que tivo sempre este equipo de goberno e que vai seguir mantendo durante toda a lexislatura, e van participar equipos de iniciación, prebenxamín, benxamín e alevín”.
O edil burelés subliñou que “o Torneo Marosa Cup foi un éxito desde a súa primeira edición. Xuntamos preto de 500 cativos nas instalacións de A Marosa durante eses días, o que conleva tamén a xente que ven acompañando aos nenos e o beneficio que ten para a hostalería de Burela este tipo de eventos. Son citas polas que evidentemente estamos apostando”.
Fernández Rey engadiu que “nesta edición tamén colabora a Deputación Provincial dándonos unha axuda económica, e o Concello pon todos os medios tanto económicos como materiais para que o evento se leve a cabo da mellor maneira posible”.
O responsable de Deportes en Burela salientou que “este ano imos contar coa presenza de equipos de renome como pode ser o Deportivo de A Coruña que vai traer ao equipo alevín e benxamín, e tamén imos ter a presenza do Club Deportivo Lugo, como non podía ser doutra maneira. Ademais este ano ten como novidade que a organización quixo facer un torneo de fútbol de veteranos, que entendemos que vai ser un atractivo máis”.
Ramiro Fernández quixo “desexar que saia todo da mellor maneira posible e desde o Concello seguiremos apostando como fixemos sempre por este tipo de eventos”.