A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e o presidente de Nova Escola Galega (NEG), Xosé Lastra, presentaron esta mañá as III Xornadas da Terra de Miranda, un encontro de debate sobre o medio rural organizado pola asociación pedagóxica coa colaboración da Área de Cultura que se celebrará os vindeiros 25 e 26 de outubro no Centro Sociocultural Avelino Díaz de Riotorto.
O programa inclúe relatorios e mesas redondas a cargo de diferentes persoas e colectivos do eido educativo, económico e social da Terra de Miranda -Riotorto, A Pontenova, Meira e Trabada- que exporán as súas experiencias e iniciativas en relación co desenvolvemento rural.
No cartel da xornada, destacan as conferencias de Narciso de Gabriel, catedrático de Historia da Educación na Universidade da Coruña e autor de investigacións sobre a escola rural e da obra Elisa e Marcela, e do economista e político Xosé Manuel Beiras, cun relatorio arredor das “Claves para interpretar o medio rural galego do primeiro cuarto do século XXI”.
O presidente de Nova Escola Galega subliñou que as xornadas explicou que as xornadas “foron mellorando ano a no o seu programa e a súa capacidade de convocatoria, ata involucrar nesta edición a unha vintena de asociacións e colectivos culturais da zona”. “Agardamos que este encontro sirva tamén como punto de inicio para desenvolver algunha acción conxunta en relación coa problemática do rural desde a Terra de Miranda”.
A vicepresidenta agradeceu a organización a NEG a “organización deste foro para analizar a situación do medio rural, dando voz ás persoas que traballan nel e visibilidade ás iniciativas que desenvolven. Son exemplo de que hai un futuro posible no rural pero cómpre unha estratexia global de desenvolvemento da que aínda carecemos. Esa posta en común de experiencias desde o ámbito educativo, que é central en calquera sociedade, debería servirnos para avanzar nesa dirección antes de que sexa máis tarde”, subliñou.
Á presentación asistiron o alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, o alcalde da Pontenova, Darío Campos, e o alcalde accidental de Meira, Agustín Méndez.