Pasado mañá, 5 de novembro, ás 19:00 horas no Salón de Actos do Centro Cívico, imos ter en Xove á familia animada máis famosa de Galicia Os Bolechas co espectáculo “De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas”.
A actuación vai dirixida a todos os públicos, en especial a tódolos nenos/as.
O espectáculo: Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pousada de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda e participación do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.
Esta actuación, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Xove, está patrocinada pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, dentro do denominado Programa FALAREDES.
Por último, dende o Concello queremos invitar a tódolos nenos/as de Xove ou da Comarca a que veñan a este magnífico espectáculo, e si poden, que veñan acompañados dos seus pais e familiares. A entrada é totalmente libre e gratuita.