
O Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, presenta en Alfoz a súa obra de teatro "O traballo de Andrea", un texto orixinal de Ignasi García Barba adaptado e traducido por Ramón Casas Oroza. Será este sábado, 8 de xuño do 2024, ás 20:30 horas na Casa da Cultura.
O Concello de Alfoz explica que “O traballo de Andrea” é unha obra sobre o papel que xoga a xente nova na preservación da Memoria Histórica da Guerra Civil e a posguerra. Andrea é unha moza que está preparando a súa tese de doutoramento. Para iso decidiu facer un traballo de investigación sobre o destino que correron os exiliados da súa vila ao final da Guerra Civil. A súa intención é reunir as súas vivencias e propor ás autoridades que lles fagan algún tipo de homenaxe. “O traballo de Andrea” é un drama. O drama no que se ve metida unha rapaza que o único que busca e descubrir a verdade. O drama dunha vida que está empezando e que se ve envolta nun mundo de segredos que ninguén quere, aparentemente, desvelar. E ao mesmo tempo, o drama do seu mundo persoal no que tamén hai segredos difíciles de asumir.