A Oficina de Turismo acolle ata o 3 de outubro unha exposición fotográfica da Unidade Militar de Emerxencias.
A concelleira de Seguridade, Montse Seijo, contou que “hoxe inauguramos a exposición itinerante Somos Soldados, da UME, Unidade Militar de Emerxencias, na oficina de turismo de Ribadeo. É unha exposición organizada pola UME, a súa Delegación de Defensa en Lugo e o Concello de Ribadeo. Estará aberta desde hoxe ata o 3 de outubro, de martes a sábado, en horario de 10 a 14 e de 16 a 19 horas”.
A edil ribadense explicou que “esta exposición fotográfica reproduce algunhas das actuacións máis importantes da Unidade Militar, tanto en territorio nacional como noutros países. Cada imaxe é un testimonio visual do esforzo incansable e do compromiso dos membros de UME por salvagardar a vida e o benestar dos cidadáns en situacións extremas”.
Seijo anima a achegarse pola Oficina de Turismo para ver esta mostra: “dende o Concello convidamos a todos os cidadáns para que non deixen de visitala. Agradecemos tanto á UME como a súa Delegación de Defensa en Lugo que poidamos disfrutar desta exposición en Ribadeo”.