Coa cea de coroación da raíña arrinca este sábado, 11 de febreiro, o Entroido 2017 en Foz, “un dos mellores de Galicia”, segundo o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, que este mediodía compareceu a carón da concelleira de Cultura, Silvia Blach Cuesta, para dar a coñecer o programa de actividades. O día grande será o sábado, 25 de febreiro, coa celebración do XXXVI Desfile do Entroido, que repartirá 7.000 euros en premios. A festa continuará ata o 3 de marzo, xornada na que terá lugar a Queima do Entroido.
O rexedor contou que “vimos de presentar unha nova edición do Entroido de Foz, e podemos dicir que quizais é un dos mellores de Galicia. Estamos contentos porque o programa está cheo de multitude de actos, que comezarán este sábado, 11 de febreiro, coa festa de coroación da raíña, onde máis de 600 persoas nos xuntaremos para darlle a benvida á nova raíña do Entroido de Foz”.
Javier Castiñeira relatou que “o día 23 teremos o xoves de comadres e o día 24 na Sala Bahía dará comezo o Entroido de Foz co pregón de Bonaerensis, que son un grupo dos clásicos que levan moitos anos gozando do Entroido local, e ás oito e media teremos o típico concurso de coplas. E despois chega o día grande, o sábado 25, co gran desfile. Agardamos moita participación a partir das cinco da tarde e logo será o baile na Sala Bahía e tamén se habilitou unha carpa duns 600 metros cadrados mais outra supletoria doutros 200 metros. Serán máis de 1.000 metros cadrados para acoller a unhas 2.300 persoas, que é a máxima capacidade para este local que outorga o plan de seguridade feito xa para a ocasión”.
O alcalde subliñou: “a verdade é que cada ano se aumentan as participacións, cada ano o Entroido está mais activo e iso é froito dun bo traballo, pero tamén da implicación que teñen as peñas do Carnaval, que xa de por si elas soas practicamente xuntan entre 700 e 800 persoas”.
Sobre o resto do programa o alcalde focense indicou que “o domingo día 26 será o baile infantil, un día grande para os rapaces. Prevemos a asistencia duns 600 ou 700 nenos e nenas a esta cita. Logo o día 27 seguirá o tradicional baile de Entroido tamén na Sala Bahía co baile do farolillo e o 28 haberá outro baile infantil a cargo das amas de casa. E remataremos o 3 de marzo coa Queima do Entroido ás dez da noite”.
Castiñeira engadiu: “agardamos que a xente o disfrute a tope todos os días e pedimos colaboración tamén para aqueles actos que son menos chamativos, como pode ser a Queima do Entroido, para tratar de agradecer ese día que fora un bo Entroido xa que ese é o desexo de todos e para ilo tamén hai que tomar conciencia, tratar de involucrarse todas as peñas”.
O alcalde asegurou que “hai un montaxe importante como nunca houbo, dado que o Carnaval está a vivir o mellor dos seus momentos. Estamos contentos porque o Entroido para Foz é alegría, humor e forma parte da nosa ideosincrasia e do noso carácter; tamén trae unha repercusión económica importante para o comercio local e para a hostalería do noso concello. Quedades todos convidados para gozar todos estes días dun dos mellores Entroidos de Galicia”.