Do 13 ao 21 de maio terá lugar a décimo segunda edición do Ribadeo de tapeo, que organiza a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo e que presenta importantes novidades. A inscrición para participar estará aberta ata o 28 de marzo.
Ana Martínez dixo que “un ano máis o Concello de Ribadeo abre o prazo de inscrición para a XII edición do Ribadeo de Tapeo, que terá lugar do 13 ao 21 de maio. Así os establecementos que desexen presentarse deberán cumprimentar a súa solicitude, que poderán descargar da páxina web do Concello ou solicitando o boletín na oficina de turismo ata o día 28 de marzo e presentalo cuberto no rexistro”.
A edil de Desenvolvemento Local explicou que “o Ribadeo de tapeo chega cargado de novidade. Este veterano dos concursos culinarios de Galicia, reinvéntase para seguir a ser un dos referentes gastronómicos da comarca, máis profesional, vangardista e innovador, dá un paso no camiño cara a excelencia. Así este ano o gran protagonista, xunto cos hostaleiros, será o público participante que co seu voto a través das tarxetiñas que se depositan nos establecementos, decidirán a tapa gañadora entre o total dos establecementos que concorran, ao igual que o premio á mellor barra”.
A concelleira ribadense subliñou que “as novidades introdúcense na categoría do xurado profesional, modifícase o formato de selección, podendo concorrer aqueles establecementos que voluntariamente así o desexen. Mais a modo dos grandes eventos gastronómicos, tal como vemos nos últimos tempos nas televisións ou mesmo noutros grandes concursos de tapas, e co motivo de buscar a igualdade de oportunidades dos participantes na toma de decisións dos xurado, a organización convoca aos participantes a mostrar nun único local a tapa presentada durante o concurso”.
Ana Martínez indicou que “para esta selección celebrarase un evento que terá lugar o 22 de maio, cun xurado profesional formado por cociñeiros/as e expertos/as gastronómicos de renome e que será retransmitido en directo a través das redes. O que se pretende con este cambio é que o Ribadeo de Tapeo alcance unha repercusión mediática e social moito máis ampla, impulsando a súa importancia para chegar a maior público”.
A concelleira de Desenvolvemento Local manifestou: “ademais, para os gañadores do certame, que concorran tanto aos premios do xurado coma do público, haberá agasallos especiais, así, recibirán publicidade gratuíta ata a próxima edición 2018, onde se indicará que as súas tapas foron premiadas no XII Ribadeo de Tapeo. Aos gañadores agasallaráselles tamén, cun programa formativo a través do cal terán a posibilidade de actualizar a web do seu establecemento e mellorar o posicionamento on line da mesmo. Estas medidas servirán para premiar o esforzo, iniciativa e profesionalidade dos nosos hostaleiros”.
A edil nacionalista sinalou que “outro dos cambios demandados dende o propio sector foi o de modificar o prezo da tapa, este ano será de 1,50 euros por petisco, sendo este un factor engadido para incentivar a calidade e a creatividade das propostas culinarias”.
Martínez engadiu que “de novo, volveremos a contar cos Cantos de Taberna, tan ben acollidos na edición anterior e como en anos anteriores a celebración do concurso darase a coñecer a través da web http://turismo.ribadeo.gal/tapeo e nas distintas plataformas app para móbiles, redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) e crearase un hashtag #Ribadeodetapeo17 para a difusión, a través das redes sociais do concurso, tapas e establecementos participantes”.