O Concello de Burela organiza o seu tradicional xantar para os xubilados, que terá lugar o vindeiro 5 de maio no pavillón dos institutos. Os que queiran participar poden inscribirse no Concello desde mañá, 24 de abril, e ata o 3 de maio.
O alcalde burelés, Alfredo Llano, declarou que “como é tradicional xa, desde que chegamos nosoutros ao Concello de Burela a través deste grupo de goberno, volvemos recuperar o día de convivencia das nosas persoas maiores, facer unha homenaxe e un día para compartir, que é moi agradable, cun xantar para todos eles. Este ano imos facelo o 5 de maio”.
O rexedor salientou que “é para nosoutros unha honra poder xuntar á gran maioría de xente de Burela para participar neste xantar, ademais doutras actividades que vai haber antes no auditorio. Queremos compartir entre todos un día que sexa para a irmandade, para que moita xente se volva a ver e pasalo o mellor posible”.
Alfredo Llano contou que “para poder asistir ao xantar hai que anotarse no Concello e ese prazo xa se abre mañá, mércores 24, e vai estar aberto ata o venres da vindeira semana, que é o día 3 de maio. Así que a xente que queira participar neste xantar colectivo pode inscribirse xa a partires do mércores 24 nas instalacións do Concello”.
O alcalde engadiu que “xa anunciaremos outras cousas con respecto a unha viaxe que imos facer tamén o día 30 deste mes á conca mineira asturiana, na que tamén vai participar este colectivo de xente. Consideramos que é unha viaxe interesante de ver a vida, o que era a actividade mineira e todo aquilo que foi moi importante para a sociedade asturiana. Tamén imos visitar o Museo, que sei que está moi ben. Polo tanto estamos facendo, dentro das nosas posibilidades, propostas para esta xente que creo que o merece todo no pobo de Burela”.