O X Festival Osa do Mar terá lugar en Burela do 6 ao 8 de setembro. Por esta edición pasarán Iván Ferreiro, Tanxugueiras ou The Rapants, entre outros

O deputado de Mocidade Daniel García participou
esta tarde na presentación do festival Osa do Mar, que se celebrará do 6
ao 8 de setembro en Burela co apoio da Vicepresidencia da Deputación de
Lugo.

No acto, que contou coa actuación do grupo Abril, O responsable
provincial valorou a traxectoria do festival que cumpre dez edicións,
remarcando "a súa orixe no tecido asociativo, na Asociación Cultural
Fanto Fantini" e a aposta por "dar espazo as bandas galegas e a música
en galego e tamén a artistas locais" 

Neste sentido, explicou que "para a Vicepresidencia da Deputación de
Lugo é prioritario dar apoio ás iniciativas do asociacionismo, ligadas
ao territorio e á comunidade,  que son as que teñen unha maior pegada
cultural e social". 

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a organización do festival
Osa do Mar desde a primeira edición. Nesta anualidade, a área de
Mocidade destina 14.000 á Asociación Cultural Fanto Fantini.

A Xunta apoia un ano máis o Festival Osa do Mar de Burela, que contará con case unha vintena de grupos no seu décimo aniversario. Será na fin de semana do 6 ao 8 de setembro. 

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Burela na presentación do programa. Arias felicitou aos promotores, “porque grazas ao seu empeño o Osa do Mar figura entre os festivais de música máis consolidados no panorama da Mariña”. Remarcou que a cantidade de público que acude a Burela para desfrutar dos concertos xera un impacto positivo na economía local. 

O delegado tamén gabou “a aposta que fan pola música en galego e feita desde Galicia”, coa presenza de artistas consagrados como Iván Ferreiro xunto con outros como Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou The Rapants. O cartel completo e os horarios das actuacións poden consultarse na páxina web do festival: https://www.osadomar.com/. 

Por último, Arias asegurou que dende hai anos o Goberno galego está a contribuír á celebración de eventos deste tipo en moitos concellos da provincia co obxectivo de que a programación cultural chegue a todo o territorio.