Membros do equipo de goberno reuníronse este mediodía coa Acia local para tratar sobre as axudas que o Concello vai destinar aos hostaleiros, aos comerciantes e aos autónomos. Ademais o alcalde, Alfredo Llano, anunciou que o mercado semanal volverá este venres, aínda que está por decidir cal será a súa nova localización.
Alfredo Llano contou que “hoxe estivemos falando con respecto ás axudas que lles queremos dar ás empresas dunha forma directa, estivemos amosándolles o que é o borrador das bases e leváronas para analizar por se teñen algunha suxestión e para que todo o mundo que poida e queira, teña a oportunidade de solicitar a axuda que vai dar o Concello. Van ser para hostaleiros, para comerciantes e para autónomos, e son unhas bases que consideramos xustas, equitativas e fáciles de aportar para que poidan solicitar esas axudas, xa veremos cando abrimos o prazo”. Deste xeito se refería ao encontro mantido este mediodía con representantes da Acia local.
O rexedor engadiu que “tamén falamos dun vídeo de promoción turística, comercial e de motivación para que a xente veña visitarnos, estamos avanzando nel a través da Concellería de Turismo. Esperemos que os comerciantes estean de acordo, que poidan aportar o seu grao de area, e entre todos sacar unha iniciativa publicitaria e ben consolidada para motivar á xente a vir a Burela, non soamente ás praias ou aos restaurantes senón que veña mercar e acadar que Burela sexa un referente claro tanto na Mariña como na provincia de Lugo”.
Sobre a volta á actividade dos comercios no día de hoxe Llano sinalou que “nosoutros estamos aportando a todos os empresarios que o soliciten o líquido desinfectante. Estamos dándollo a todas as empresas que o precisen e que o soliciten. Tamén fixemos unha cartelería para distribuír polos diferentes establecementos, agora que abren, para que sigan o protocolo de hixiene para evitar contaxios”.
O rexedor anunciou que “ademais é a nosa pretensión abrir o mercado dos venres, este próximo. Agora mesmo debemos de ter unhas doce ou quince solicitudes. Temos en conta o que di o último Real Decreto de que si se poden abrir os mercados ao aire libre e que teñen que ter preferencia a distribución de alimentos, froitas, verduras, produtos cárnicos ou lácteos. Todo aquilo que se considere de primeira necesidade. É certo que o Real Decreto di que estes produtos son preferentemente, pero entendemos que poden vir outro tipo de negocios, de apeiros, de roupa ou outras cousas, pero loxicamente se temos un espazo hai que colocar preferentemente os de alimentación e se queda espazo vaise colocando o resto. Temos unha serie de solicitudes, imos tratar de contestalas todas e imos intentar abrir este venres xa o mercado de Burela. Estamos buscando tamén a ubicación que se ten que adaptar á exixente normativa para abrir os mercados ao aire libre. Hai que acadar unha distancia mínima de seis metros entre os diferentes postos, hai que deixar un espazo moi aberto para que a xente flúa sen que haxa roces, e que se vexa que hai espazo tanto para a xente como para os diferentes postos. Estamos mirando cal é a mellor localización e que sexa garante de que se poida levar o mercado para esa zona”.