O Valadouro acolle un encontro do proxecto Galicia Latente este sábado, 27 de xullo

A Delegación de Cultura do Concello do Valadouro organiza un encontro do proxecto Galicia Latente, unha iniciativa de Eduardo de Martís. Será na Casa da Cultura, en Ferreira do Valadouro, este sábado, día 27 de xullo, ás 18:00 horas.

O Concello do Valadouro explica que “Galicia Latente é un proxecto para achegar ás persoas o valor social, económico e sustentable que atesoura a cultura galega no presente. Así mesmo planeta unha visión holística desde onde visibilizar os retos e oportunidades que nos están a conformar.
O proxecto ten como base un estudo-libro homónimo de recollida e divulgación fotográfica da cultura galega (seguramente o único do presente) e as súas múltiples realidades que estamos a vivir en Galicia. Está autoeditado polo fotógrafo Eduardo de Martís e componse de 221 páxinas, 233 fotografías feitas entre os anos 2020 e 2023, ao longo de máis de 140 concellos galegos.Ademais, Galicia Latente ofrece un encontro chamado A Galicia do presente, que é o que se vai celebrar en Ferreira de Valadouro”.

A organización engade que “este encontro comeza cunha presentación sobre a importancia e dimensión da cultura no noso presente, continuado cunha proxección do documental Galicia Latente e logo un coloquio titulado Retos e oportunidades da cultura galega, rematando cunha recollida de valores locais. Acompañarannos no encontro diferentes persoas referentes da cultura galega que están a vivir e traballar desde estas terras do Valadouro. Agardamos que haxa un debate amplo e convidamos a todas as persoas interesadas no desenvolvemento cultural a asistir e participar nesta recolleita de percepcións da poboación do Valadouro. Este encontro organízao a Delegación de Cultura do Concello do Valadouro e o proxecto Galicia latente, coa finalidade de coñecer e concienciarse sobre o valor da nosa contorna, dos retos -como estamos a vivir o envellecemento poboacional ou a xestión do monte- e das súas potencialidades – como a cultura ou o patrimonio nos pode aportar riqueza, ou os recursos naturais -. Neste caso, comezamos cunha reflexión sobre a cultura local”.