O Concello de Barreiros presenta un programa de actividades de Nadal que se prolongarán ata o día 12 de xaneiro.
Este venres, 13 de decembro, ás 21:00 horas, no centro sociocultural, terá lugar unha proxección do ciclo Seráns de Cine co filme Trote de Xacio Baño. Está organizado polo colectivo cultural Ollomao.
O sábado 14 haberá unha recollida solidaria de alimentos non perecedoiros, no pavillón municipal. Ademais celebraranse partidos de fútbol sala Praias de Barreiros entre: Ben. A-Santiago de Foz B; Benx. B-Celeiro CDM; Alevín-Celeiro CDM B; Infantil-Celeiro CDM; Cadete-San Ciprián; Senior Masc.-ADFS Bueu; e Senior Fem.-CD Burela FSF.
O domingo 15 disputarase o encontro de 2ª Rexional que enfrontará a Iberia e Meira, en As Valgas (San Miguel).
O mércores 18 terá lugar a inauguración da mostra Culturas en diálogo. Somos migrantes, abrimos camiños, coincidindo co Día Mundial das Migracións. Estará ata o día 31 de decembro nos Colexios Vellos de San Miguel e colabora na súa organización o Seminario de Estudos Os Espigueiros.
O venres 20 ás 22:00 horas no Teatro, nos Colexios Vellos de San Miguel celebrarase o estreo da obra O Documento, a cargo do Grupo Teatro Colectivo Cultural Ollomao. Ese día ademais remata o prazo para presentar traballos ao Concurso de Poesía e Debuxo de Nadal, organizado pola OMIX do Concello de Barreiros.
O sábado 21 ás 20:00 horas nos Colexios Vellos de San Miguel o Grupo Teatro Colectivo Cultural Ollomao volverá poñer en escena a obra O Documento, que tamén representará o domingo 22, ás 18:00 horas, nos Colexios Vellos de San Miguel.
O luns 23 ás 11:00 horas desenvolverase un obradoiro infantil de Creación de Adornos de Nadal. Ás 18:00 horas no centro sociocultural haberá teatro de marionetas con Trécola que presentará O agasallo de Anya.
O martes 24 ás 11:00 horas no centro sociocultural celebrarase unha Festa de Nadal con recepción a Papá Noel, xogos e talleres.
O venres 27 ás 17:00 horas nos Colexios Vellos de San Miguel terá lugar un Parladoiro sobre Barriga Verde. Organiza o Seminario de Estudos Os Espigueiros.
O domingo 29 ás 18:00 horas no centro sociocultural celebrarase un Concerto de Nadal, organizado pola Coral Polifónica de Barreiros.
O luns 30 ás 18:00 horas no centro sociocultural será a visita do Apalpador. Tamén haberá teatro coa estrea da obra Como está o patio do Grupo Infantil Ollomao.
O día 5 de xaneiro de 2020, desenvolverase a Carreira Popular Solidaria de Reis con saída e chegada no Cascabeiro. A andaina solidaria dará comezo ás 11:00 horas, a carreira das categorías inferiores tamén ás 11:00 horas, e a carreira absoluta ás 12:30 horas. Ás 16:30 horas, en Celeiro de Mariñaos, celebrarase a Tarde de Reis que organiza a Irmandade San Caetano; ás 19:00 horas, en San Miguel de Reinante, será a recepción aos Reis Magos organizada pola AAVV de San Miguel; ás 19:30 horas, en San Pedro de Benquerencia, terá lugar a cabalgata e recepción aos Reis Magos organizada polo CIR Benquerencia; e ás 20:00 horas, en San Cosme de Barreiros, terá lugar a cabalgata e recepción aos Reis Magos organizada polo Concello de Barreiros.
O día 12 de xaneiro a partir das 11:00 horas en As Valgas de San Miguel, celebrarase a preparatoria de campo a través comarcal nas categorías inferiores. Ás 16:00 horas, en As Valgas de San Miguel, disputarase o partido de fútbol 2ª Rexional, derbi barreirense, entre Iberia e Celta Barreiros.