Para celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Luísa Villalta (escritora, filóloga e violinista nada na Coruña), a asociación cultural O Picato, de Trabada, organiza un certame de carácter participativo e non competitivo polo que todas aquelas persoas que participen, que poden ser de calquera idade, levarán un agasallo.
Os traballos que se presenten deber ter como temática “As nosas letras” e poden ser en forma de debuxo, narración, poema ou fotografía. Só se poderá presentar un por persoa e o prazo rematará ás 13:00 horas do día 10 de maio. Hai que entregalos en sobre pechado no Spar Express de Trabada ou na Casa do Concello.
A entrega dos agasallos aos participantes será durante un acto que terá lugar na Casa da Cultura de Trabada o día 17 de maio ás 16:00 horas. Haberá un contantos musicado titulado “O misterio do tulipán”, a cargo de Yolanda Álvarez, e tamén pintacaras.
A asociación O Picato explica: “un dos nosos obxectivos é fomentar a creatividade e deixar a un lado a competitividade para un dos grandes eventos culturais que esta asociación organiza, así todos aqueles que vos animades a participar contaredes cun agasallo. ¿E ti a que esperas?”.