Na cita, organizada polo Club Deportivo San Ciprián en colaboración coa Administración local, está prevista a participación dunha trintena de xogadores procedentes de diferentes clubs galegos e asturianos
A competición comezará ás 10:00 horas e desenvolverase durante toda a xornada; haberá trofeos para os catro primeiros clasificados
O Pavillón da Veiga, en San Ciprián, será o escenario este sábado, 8 de xullo, do IV Torneo Concello de Cervo de Tenis de Mesa, organizado polo Club Deportivo San Ciprián en colaboración coa Administración local.
A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, o edil de Deportes, David Rodríguez, polo coordinador da sección de Tenis de Mesa do CD San Ciprián, Fernando Fernández, e polo xogador local Estéfano Berruezo.
A competición contará cunha trintena de participantes procedentes de diferentes clubs de Galicia e Asturias. Está previsto que comece ás 10:00 horas e prolongarase durante toda a xornada do sábado. Haberá trofeos para os catro primeiros clasificados.
A sección de tenis de mesa do C.D. San Ciprián comezou a participar en torneos no ano 1993, logo dun longo parón, retomaron a competición no ano 2018; chegando a acadar o ascenso a Terceira Nacional a pasada tempada.