O Observatorio da Mariña pola Igualdade participa este domingo, 4 de marzo, na manifestación nacional do feminismo galego organizado arredor de Galegas 8m. Por diante, unha xornada reivindicativa cuxo lema principal 'Para transformar a vida das mulleres' encabezará a movilización que precede ás concentracións locais do 8 de marzo, día internacional das mulleres, e para a que aínda quedan prazas no bus que financia xunto a CIG e SLG (observatorioigualdade@gmail.com).
Na comarca da Mariña, o Observatorio da Mariña pola Igualdade leva días traballando nunha convocatoria aberta a todas as mulleres, que este ano estará acompañada polos ritmos do batuke que desde fai semanas ensaian as “batukeiras da Mariña” seguindo a iniciativa das Tamborililás de Compostela e doutras vilas galegas.
“Apoiamos a folga de 24 horas para reivindicar unha sociedade xusta na que os coidados sexan tarefa de todas e de todos e na que a vida das persoas se sitúe no centro da axenda política” afirman desde o OMI. “Hai que seguir insistindo en que as fendas de xénero, lonxe de desaparecer, teñen cada vez maior presenza na sociedade, que debe reinvindicar a igualdade de oportunidades e de dereitos en todos os ámbitos, véxase a fenda salarial, a incidencia estrutural das violencias machistas etc. Queremos ter plena capacidade de decisión sobre os nosos corpos, a nosa identidade...”. Estas son as principais reivindicacións que guiarán a folga do 8 de marzo e a convocatoria comarcal presentada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade.
“Un programa de actividades arredor de toda a xornada que se suma ás propostas doutras entidades e organizacións”, confirma no seo do OMI. “Partiremos en tren desde Ribadeo ás 15 horas e ás 17 horas desde Viveiro con destino Burela, onde terán lugar varias actuacións reinvindicativas como unha Marcha das mulleres que partirá ás 19:30 horas da Estación do tren seguida por unha concentración ás 20:00 horas na Praza da Mariña”. Unha proposta aberta a todas as mulleres da comarca que desexen visibilizar as desigualdades e discriminacións de xénero. “A viaxe en tren é moi simbólica dado que no traxecto pasamos por varios municipios da comarca e tamén porque o FEVE representa un símbolo propio que queremos apoiar e reivindicar
como servizo público” aseguran desde a organización.
Desde a asociación feminista confirman a participación doutros colectivos e asociacións no desenvolvemento das accións do 8 de marzo na Mariña e animan a todas as mulleres a sumarse aos actos que se desenvolverán no local da Asociación Xebra en Burela a partir das 16 horas.