O libro O gran triángulo, de Francisco Díaz-Fierros, será presentado en Ribadeo este xoves, 21 de novembro

O libro titulado O gran triángulo, escrito polo ribadense Francisco Díaz-Fierros Viqueira, será presentado en Ribadeo este xoves, día 21 de novembro. Será na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho ás 20:30 horas. No acto falarán o profesor ribadense Suso Fernández Acevedo e o autor, Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

Esta presentación está organiza pola Agrupación Cultural Francisco Lanza e seu presidente, Farruca Graña, anuncia: “este xoves, 21 de novembro, imos ter a presentación do libro O gran triángulo, de Francisco Díaz-Fierros Viqueira, editada por Xerais. É unha novela ben interesante e de marcado carácter divulgador da actividade científica. De lectura amena e doada, paga a pena comprobar as vicisitudes polas que tiveron que pasar as xentes do mundo da ciencia para lograren desenvolver os seus descubrimentos. Pero a mellor maneira de coñecer a novela é achegarse á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho o xoves 21 ás 20:30 horas. Conducirá o acto o noso amigo e compañeiro da Agrupación Cultural Francisco Lanza, Suso Fernández Acevedo. Por suposto, poderemos charlar co autor, Francisco Díaz-Fierros Viqueira”.