O III Mercado “Aos pés de Cornería”, en Vilaronte (Foz) aprazouse para este domingo, 12 de maio

A terceira edición do mercado “Aos pés de Cornería” celebrarase na parroquia focega de Vilaronte este domingo, 12 de maio, desde as 10 da mañá. Estaba previsto para o pasado día 5, pero aprazouse debido ás adversas condicións meteorolóxicas.

“Baixo o nome poético de Aos pés de Corneria, coa imaxe de durmir debaixo deste monte mítico da zona de etimoloxía anglosaxona e portador de diversas lendas, celebrase por terceira vez o mercado de proximidade en Vilaronte (concello de Foz) organizado pola Asociación Cultural O Atrio de Vilaronte. O mercado ten como propósito visibilizar aos produtores, artesáns, iniciativas culturais da comarca, aos autónomos da zona, a arte da vecindade, e dinamizar a parroquia de Vilaronte cargada de historia que comeza a sufrir os efectos da despoboación e concienciar no consumo próximo. É pois o centro de Vilaronte, o atrio, o lugar de xuntanza de, entre outros, estes postos: verduras, artesanía; arte, música, poemarios, libros, postos de embutidos, xoias, coiro...”, anuncia a organización do evento.

O programa do día é o seguinte: ás 10:00 horas, apertura do mercado; ás 11:00 horas, pasacalles a cargo de Os Petapouco (percusión da comparsa Ruxe Ruxe, de Vilaronte); ás 11:30 horas, charla sobre “Placas solares fotovoltaicas e interpretación de facturas de electricidade”, a cargo de Damián Sánchez Bermúdez e José Luis Montiña Martín, no antigo bar de Vilaronte; ás 12:15 horas pasacalles do grupo tradicional Os Lambós; ás 12:30 horas, obradoiro para nen@s e cata de vermú na Terraza de Brais; ás 13:30 horas, sesión vermú co grupo Los Alcántara; ás 16:30 horas o mago Martín Camiña presentará un dos seu espectáculos; e ás 18:00 horas concerto musical a cargo do grupo Toxo Guayaba.