Ata o próximo 3 de outubro o alumnado de 3º e 4º da ESO e de 1º Bacharelato dos concellos que abranxe o GALP A Mariña-Ortegal (Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo) pode presentar proxectos audiovisuais enfocados á realización dunha curtametraxe.
Trátase do programa pedagóxico Vidas Mariñeiras, convocado polo Grupo de Acción Local Pesqueira A Mariña-Ortegal no marco das actividades que organiza a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) co obxectivo de dinamizar e poñer en valor o litoral da súa área.
Vidas Mariñeiras contempla a selección, titorización e desenvolvemento de proxectos cinematográficos a cargo de profesionais do audiovisual nun programa formativo dunhas 50 horas, repartidas en varias sesións ao longo dos meses de outubro e novembro. O resultado: curtametraxes elaboradas polo propio alumnado que poderán ser de ficción, documentais ou experimentais e que terán como tema o medio mariño e todo o que o rodea.
Rodar unha peza audiovisual
Segundo explican as bases do programa, os proxectos deben ser grupais (entre 5 e 15 alumnos e alumnas) e centrarse nos oficios tradicionais, nas paisaxes, na cultura, na actividade produtiva ou na vida mariñeira local. Se resultan escollidos polo equipo técnico do programa, as rapazas e rapaces integrantes dos grupos finalistas terán un primeiro contacto co ámbito audiovisual da man de cineastas, tanto desde un punto de vista teórico como práctico, e crearán a súa propia peza audiovisual.
A historia do cinema e as fases e elementos necesarios para organizar, rodar e editar un filme (desde a escaleta de produción até os axustes finais de posprodución e masterización) son os eixos centrais do programa. E como broche final, as pezas audiovisuais resultantes proxectaranse ao público e estarán dispoñibles na web vidasmarineiras.gal.
As bases completas poden consultarse nesta mesma web, onde tamén se atopan as curtametraxes gañadoras do ano pasado feitas por alumnado da zona do Golfo Ártabro Norte, onde se puxo por primeira vez en marcha este programa.