O Concello e a asociación O Noso Foz veñen de presentar a programación cultural de xullo e en especial para as Festas do Carme.
“O verán chega a Foz e comeza a programación especial desta tempada na que colaboran a comisión de festas O Noso Foz e o Concello. A comisión de festas O Noso Foz renóvase coa incorporación de xuventude e veteranía, pero sobre todo con moita ilusión e presenta a programación para as Festas do Carme, que se desenvolverán desde o 12 ata o 16 de xullo”, así o anunciaron a nova presidenta do colectivo, Fátima Novo, e os concelleiros Inés López Couto e Ángel Fernández Neira.”
Ángel Fernández, novo concelleiro en Foz, deixa o testigo da Asociación nas mans de Fátima Novo, que “asume a presidencia con ganas”, confirma o edil. O grupo fórmano Erea Ben, Suso Pérez, Atilano Fernández e Estefanía Otero e complétano as novas incorporacións: Suso Hermida, Álvaro Morís e José García. Únese veteranía e xuventude nunha comisión de festas que traballará con moito entusiasmo. “Desde a asociación queremos agradecerlle a Ángel Fernández a confianza depositada en nós para seguir traballando e construíndo eventos para o Concello, tanto para os máis novos como para os máis maiores, e queremos desexarlle a maior das sortes nesta nova etapa, seguiremos traballando con el codo con codo, sen ningunha dúbida”, indica a presidenta da comisión, Fátima Novo.
As Festas do Carme comezan o mércores día 12 co festival Coa Nosa Fala organizado polo Concello, que “contará coa actuación de Abril e de Catuxa Salom, a partir das 22:00 horas no parque Rosalía de Castro”, anuncia a concelleira Inés López, que continúa comentando: “este ano quixemos que A nosa Fala fora feminina é que as voces que escoitemos poñendo en valor a nosa música e a nosa lingua sexan ás de mulleres”. O xoves 13 ás 20:30 horas “será o pregón do Carme a cargo de Antonio Ares, mariñeiro xubilado e devoto da Virxe do Carme, na Igrexa Parroquial de Foz; e a continuación, ás 23 horas terá lugar o concerto de Pantera Rosa no Campo da Cabana”, anuncia Ángel Fernández. O venres 14 haberá verbena a cargo da Orquesta La Ola ADN e de Grupo D'Cano; o sábado 15, sesión vermú a cargo da Orquesta Magos, ao longo da tarde noite elaboraranse as alfombras florais na honra da Virxe do Carme e desde as 23 horas haberá verbena amenizada por Orquesta Magos e La Oca Band. O domingo 16 é o día grande e ás 12 horas comeza a misa na honra da Virxe do Carme cantada por Mar Aberto na Praza Conde de Fontao, con posterior ofrenda floral e procesión. A sesión vermú estará amenizada polo Grupo Platinum, que actuará de noite xunto coa Orquesta Los Players. O luns 17 será o día infantil das Festas do Carme e haberá inchables e obradoiros gratuítos para os máis pequenos na Praza Conde de Fontao de 18 a 21:30 horas.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece “o gran traballo da comisión de festas e de todos aqueles que se involucran na organización das festas patronais de Foz, como a Cofradía Virxe do Carme. Continuaremos traballando codo a codo para que o verán de todo o concello de Foz sexa o elixido para desfrutar do tempo libre e do noso comercio e hostalería”.
A comisión de festas agradécelle ao Concello de Foz “a súa inestimable e imprescindible colaboración en todos os actos que se van desenvolver ao longo de todo o verán”.
Todos aqueles que queiran colaborar no deseño, traballo cos materiais e creación das alfombras florais poderán apuntarse chamando ao teléfono 982.140.027, extensión 3. A partir do martes 4, comezarase a traballar na pista exterior da Sala Bahía, que se habilitará para o tintado e corte de flores e outras preparación de materiais.