En pleno xullo e a piques de comezar ás festas do Carme, o Concello de Foz e a comisión de festas O Noso Foz anunciaron a pregoeira das festas do San Lourenzo: a cómica, guionista e youtuber Carolina Iglesias Mosquera, máis coñecida en redes sociais como Percebes y Grelos.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “Carolina ten unha fonda relación con Foz, os seus avós formaron unha familia no pobo e en palabras da propia Carolina estarían moi contentos se soubesen que vou ser a pregoeira. Como curiosidade o pregón do San Lourenzo (8 de agosto) coincide co cumpreanos dela”.
Dende o Concello e a asociación O Noso Foz móstranse moi contentos. Inés López Couto comenta: “ao principio non sabíamos moi ben como contactar con ela, pero foi moi amable e só nos puxo facilidades”. Fátima Novo, a presidenta de O Noso Foz, engade: “para nós é un orgullo que un referente tanto nas reivindicacións LGTBIQ+ como unha profesional moi coñecida no mundo do humor se sinta tamén focega e lle faga ilusión ser a nosa pregoeira”.
Percebes y grelos é o nome polo que Carolina é coñecida no mundo dos podcast e en redes. No seu programa con Victoría Martín, Estirando el chicle, fala de Foz. Na súa última tempada nun programa dedicado aos pobos explica a súa bonita relación con Foz. Carolina comentou: “será unha honra xigante ser a pregoeira; en canto recibín a invitación souben que diría que si, aínda que coincida co meu cumple. Este ano será especial e será outro cumple en Foz, que sempre fai ilusión”.
A concelleira de Cultura rematou anunciando que “o programa completo do San Lourenzo 2024 sairá nos vindeiros días. Como colofón, o espectáculo de fogos artificiais do día 10, e moitas orquestras, actuacións musicais, teatro, etcétera”.