O Concello de Xove felicita á Asociación de Mulleres Bolboretas que cumpre o seu trinta aniversario despois de que se fundara oficialmente en maio de 1990.
Esta asociación ten as súas raíces na Urbanización de Palmeiro, na localidade de Xove, onde hai corenta anos chegaron vivir moitas familias novas, procedentes de distintos puntos da xeografía española. A empresa, naqueles intres Alúmina-Aluminio, hoxe Alcoa, encargou construír vivendas cerca da factoría, para que puideran vivir os empregados e as súas familias.
Contan que comezaron as súas andaduras nun entorno novo, descoñecido e con estraños, pero pouco a pouco, aproveitando todo o que esta situación lles proporcionaba como colexio, instalacións deportivas e club social, foron organizando e participando en diferentes actividades escolares e extraescolares, ademais de eventos como campionatos de fútbol sala, tenis, baloncesto e tamén actuacións teatrais, desfiles, festas do Magosto e de San Xoán, entre outras. Así naceu a primeira Cabalgata de Reis do Concello, o primeiro grupo de baile tradicional sendo as raíces do actual Saíñas e catro edicións do Festival da Canción Galega, precursor do Festival do Landro.
Deste xeito foi formándose a idea de crear oficialmente, dez anos máis tarde, a Asociación de Mulleres Bolboretas que, como elas din, foi a primeira asociación da provincia que englobaba todo tipo de mulleres, sen excepción, mulleres do rural, mulleres urbanas, mulleres amas de casa, mulleres traballadoras, etc… Ademais tamén destacan que esta asociación estaba aberta a toda a comarca, non só á urbanización nin ao Concello, xa que desde os seus comezos conta con asociadas de toda A Mariña e que hoxe son sobre medio cento.
As Bolboretas poñen ao alcance das súas socias diferentes actividades de entretemento e ocio, viaxes culturais, cursos formativos, charlas sobre saúde, consumo, violencia de xénero e nutrición. Todo isto ademais de realizar actividades sociais para a comunidade.
O Concello de Xove aproveita este aniversario para facer esta pequena homenaxe e comunicar publicamente que está profundamente agradecido coas Mulleres Bolboretas que, desinteresadamente, levan cosendo mascarillas desde o comezo do estado de alarma xerado pola alerta sanitaria do Covid-19. O Concello dá as grazas a Ángeles, Fina, Celia, Pilar, María Carmen, Violeta, María Jesús C., María Jesús e Carmen.