O Concello de Viveiro pon en marcha a iniciativa “Voces para Rosalía” con motivo do día da escritora, Rosalía de Castro, que se celebra o vindeiro 24 de febreiro. A proposta, impulsada dende a Concellería de Cultura, pretende sacar á rúa os poemas da escritora e dar a coñecer a súa ampla traxectoria literaria.
A acción anima á veciñanza de todas as idades a poñerlle voz a un poema de Rosalía de Castro. As persoas que desexen participar, poden inscribirse no teléfono 676 877799 ou na páxina de facebook da Programación Cultural de Viveiro antes do 20 de febreiro.
Deste modo, unha vez recibidas as propostas das persoas interesadas, o Concello de Viveiro enviará un poema a cada participante, quen deberá gravarse lendo o texto. O Concello compilará e editará todo o material recibido e publicará os vídeos para conmemorar a data dedicada á escritora.
“É unha maneira de continuar co seu legado e que as súas verbas non caian no esquecemento, xa que é unha das figuras femininas literarias máis importantes a nivel mundial”, explicaba Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro.